Saltar ao contido principal

A nova Lei de Avaliación Ambiental aprobada no Congreso fará máis frecuentes conflitos mineiros coma o de Corcoesto

A Plataforma Salvemos Cabana considera esta normativa como un novo despropósito lexislativo do Partido Popular, dado que non é comprensible a súa tramitación pola vía de urxencia e sen considerar cambios substanciais nun momento no que se está a modificar a Directiva Europea de Impacto Ambiental, o que obrigará ao Goberno a modificar obrigatoriamente o texto nun prazo máximo de dous anos.

A lei, que proximamente entrará en vigor favorecerá a falta de rigorosidade das avaliacións de impacto ambiental tamén no sector mineiro reducindo a meses prazos de tramitación que antes tardaban anos, nun proceso de simplificación que unicamente beneficia á empresa privada, ao rebaixar de xeito notable a capacidade de control sobre os efectos de determinados proxectos sobre o medio ambiente.

Na práctica, a homoxeneización que provocará esta norma en todo o territorio, supoñerá un recorte na protección preventiva do ámbito natural, ao acurtar os prazos para obter unha declaración de impacto ambiental, que irá dende os vinte e dous meses para a avaliación estratéxica ordinaria aos catro meses para a avaliación ambiental estratéxica simplificada, con dous meses prorrogables en ambos os dous casos.

OS BANCOS DE CONSERVACIÓN DE HÁBITAT, UNHA MERCANTILIZACIÓN DO SISTEMA NATURAL

Por outra parte, esta nefasta normativa inclúe o concepto dos "bancos de conservación da natureza" para "compensar, reparar ou restaurar" as posibles "perdas netas dos valores naturais". Así, os créditos xerados nos bancos de conservación da natureza serán inscritos nun rexistro oficial dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e poderán ser comercializados en condicións de libre mercado, como xa se está a realizar cos denominados "bonos de carbono".

En realidade, o concepto de "compensación" aplicado á biodiversidade permite, e mesmo fomenta, a destrución ambiental coa promesa de que o hábitat se pode recrear nalgún outro lugar, beneficiando ás empresas causantes dos danos, que mesmo poden presentarse como ambientalmente responsables cando non o son en absoluto.

SALVEMOS CABANA, ASINANTE DO MANIFESTO INTERNACIONAL CONTRA OS BANCOS DE CONSERVACIÓN DE HÁBITAT

Polo anteriormente exposto, a plataforma cidadá uniuse ao Manifesto Internacional contra a Compensación da Biodiversidade impulsado por Ecoloxistas en Acción a nivel estatal ao considerar que este apartado, ao igual que a nova Lei de Avaliación Ambiental, perxudicará ás comunidades, ao implicar que a protección ambiental convírtese únicamente nun elemento derivado dun proxecto empresarial. Nun planeta no que determinados ecosistemas necesitaron mesmo miles de anos para alcanzar o seu estado actual, a natureza non pode nin debe ser reducida a unha oportunidade de negocio.

(29.11.2013)