Saltar ao contido principal

A Plataforma Salvemos Cabana presenta en Santiago a primeira exposición fotográfica sobre o conflito mineiro de Corcoesto

A mostra, procedente do Forum Metropolitano de A Coruña e primeira realizada en Galicia sobre o tema baixo o título de "Ouro impuro: A loita por Corcoesto" atópase no vestíbulo da Biblioteca Pública de Santiago "Anxel Casal" e poderá ser visitada ata o próximo 10 de xaneiro.

A mostra, ata o día 10 de xaneiro en Compostela

Dende alí, comezará un percorrido itinerante comezando polo Centro Sociocultural de Conxo, para a continuación emprender un periplo por diversas localidades galegas que concluirá en Castela-León e Cataluña na segunda metade do ano.

A exposición, dispoñible en dúas montaxes de distinto formato de 24 e 36 imaxes en función do espazo expositivo, fai un percorrido en tres fases polos valores naturais de Cabana de Bergantiños e a parroquia de Corcoesto (unha das dez que integran o seu concello), as actividades tradicionais e unha selección de imaxes a xeito de recordo da loita popular iniciada durante o verán de 2012 para parar o proxecto mineiro da empresa canadense Edgewater Exploration na bisbarra.

Vintecatro imaxes integran a exposición fotográfica

A mostra quere servir de recordatorio gráfico de como a mobilización social continuada en defensa do medio e a saúde da poboación conseguiu un fito histórico en Galicia ao parar por primeira vez un perigo potencial a grande escala antes de suceder, a diferenza do acontecido coa catástrofe do Prestige ou a devastación provocada polo incendio do Monte Pindo fai escasos meses.

De feito, existe un consenso declarado a nivel internacional de que ningunha actividade industrial é tan agresiva como a minaría a ceo aberto, debido á interminable lista de impactos que leva consigo sobre aire, auga e solos e a gran perigosidade que leva consigo debido ás substancias reactivas empregadas na recuperación do mineral (546.000 kg. anuais de cianuro de sodio no caso de Corcoesto).

Ouro impuro, o recordatorio da mobilización social contra a mina

Ademais, de levarse a cabo, as balsas de residuos mineiros de Corcoesto suporían unha "bomba de reloxaría ambiental" para as xeracións futuras a cambio dun proxecto de escasos anos de duración que ademais podería poñer en risco os miles de empregos directos e indirectos xa consolidados nos sectores agropecuario, marisqueiro e turístico, que son a base da economía da zona.

En definitiva e tal como se recolle na exposición, a anulación dos plans de Edgewater en Corcoesto foron un triunfo da sociedade civil e da dignidade colectiva, pero sobre todo un triunfo da razón e o sentido común fronte á irracionalidade dos mercados e quen a defende. En definitiva, unha aposta pola vida.

(22.12.2013)