Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana denuncia que a nova Lei do Solo de Galicia servirá para legalizar as irregularidades cometidas polo sector mineiro durante décadas

O borrador do texto, ao que tivo acceso a Plataforma, demostra que unha vez máis o PPdG dobrégase ante os intereses da industria mineira, ao abrirlle a porta á legalización de minas e canteiras en situación irregular ata o 1 de xaneiro do ano 2003 e sen considerar en ningún momento sancións punitivas ante a falta de licenza ou as consecuencias ambientais provocadas polas devanditas explotacións.

Así, a Disposición Transitoria Sétima, recoñece que, acreditando a súa existencia antes do 2003, "as explotacións mineiras, as actividades extractivas de recursos minerais e os establecementos de beneficio vinculados ás actividades mineiras" localizadas "en solo rústico de protección ordinaria ou de especial protección de augas" que non conten "coa preceptiva licenza urbanística municipal" poderán obtela tan só co recoñecemento administrativo por parte da Dirección Xeral de Minas.

No caso de solos de especial protección obterán a respectiva licenza para continuar coa actividade extractiva tras a autorización do Conselo da Xunta, "oída a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia e por proposta da consellería competente en materia de minas".

O máis problemático, tanto nun como outro caso, é que en ningún momento se consideran sancións de ningunha clase para as explotacións de que xeito ilegal -e nalgúns casos dende hai décadas- provocaron auténticos desastres ambientais por todo o territorio galego, dando a sensación de que funcionar ao marxe da lei, destruír e contaminar sae gratis en Galicia, confirmando o que en datas recentes demostrou a sentenza do Prestige.

A AMPLIACIÓN DE ACTIVIDADES EXTRACTIVAS EN SOLOS ESPECIALMENTE PROTEXIDOS, PENDENTE DA APROBACIÓN DO PSAEG

Doutra banda, resulta especialmente preocupante a referencia que o documento fai ao Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (PSAEG) ao prever "a implantación de novas explotacións e actividades extractivas, así como a ampliación das existentes en calquera categoría de solo rústico especialmente protexido".

En xuño, a asociación presentou alegacións ao PSAEG alertando que daría "barra libre" aos empresarios do sector ao permitir, de xeito potencial, a implantación de operacións mineiras en calquera tipo de solo, mesmo en zonas de especial protección.

Para a Plataforma, o aproveitamento dos recursos debe de ser en todo momento compatible coa protección do medio, do patrimonio histórico-cultural e dos usos tradicionais do chan i en caso de incompatibliidade, estes parámetros deben prevalecer sobre o aproveitamento mineiro.

(10.12.2013)