Saltar ao contido principal

A Plataforma Salvemos Cabana solicita o amparo do Valedor do Pobo ante a falta de transparencia pública no caso Corcoesto

A asociación pídelle ao Alto Comisionado que esixa á Xunta toda a información pertinente sobre si a cancelación do proxecto mineiro se fixo efectiva e sobre a anulación ou non da Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

O pasado 15 de outubro, o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou públicamente durante o debate do estado da Autonomía que a Consellería de Economía e Industria cancelaba o proxecto mineiro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños, A Coruña), debido á falta de garantías "financeiras e técnicas" deste.

Dende a Oficina do Valedor do Pobo confirmouse poucos días máis tarde que tras coñecer a través das manifestacións en sede parlamentaria do rexeitamento do proxecto por parte da Administración, non era preciso formalizar as actuacións derivadas do traballo de investigación realizado sobre as 628 queixas recibidas con respecto ao proxecto mineiro.

Asemade, sinalouse por parte deste departamento que "dado o rexeitamento global do proxecto, este ten como consecuencia que decaian todos os actos de trámite do mesmo, entre eles a avaliación ambiental" pois "non resulta aplicable o previsto para a posible caducidade das declaracións, posto que a pervivencia durante un prazo prevese para os casos en que se deu a autorización ou aprobación do proxecto e este non comenzara a executarse (art.14 do Real Decreto Lexislativo 1/2008)".

Non obstante, o Director Xeral de Minas, Angel Bernardo Tahoces sostivo en público en reiteradas ocasións que a aprobación da declaración de impacto ambiental ten validez durante cinco anos dacordo á lexislación vixente, contravindo o publicado pola Oficina do Valedor do Pobo.

Doutra banda, e malia a pretendida "cancelación" do proxecto, ata o de agora non se fixo público por escrito tal feito. Tras a consulta efectuada dende a Plataforma Salvemos Cabana coa Consellería de Economía e Industria, a resposta por parte do organismo foi que en función do artigo 27.2 da Lei 3/2008 de Ordenación da Minería de Galicia, tan só o outorgamento dos dereitos mineiros teñen a obriga de publicarse no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, fontes próximas á Administración sinalaron que o procedemento de cancelación ten que facerse público por escrito e de xeito oficial.

A realidade é que, na práctica, debido á pouca información e á completa opacidade por parte da Xunta, resulta imposible coñecer de xeito fiable se o trámite de avaliación ambiental da mina de Corcoesto está anulado ou segue tendo validez e se a cancelación do proxecto se fixo ou non efectiva.

Por todo iso, dende a asociación pediuse amparo ao Valedor do Pobo para que pida á Administración autonómica a clarificación e a transparencia debidas no caso Corcoesto, pois o acceso á información é o que permite saber aos cidadáns como se toman as decisións que lles afectan e baixo que criterios actúan as institucións, permitindo unha mellor fiscalización dos servidores públicos e unha mellor eficiencia das autoridades implicadas.

(20.1.2013)