Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana denuncia que o PXOM de Cabana de Bergantiños é unha vía encuberta para impoñer a mina de Corcoesto

A Plataforma anuncia que presentará alegacións ao Documento de Inicio (DI) polas graves irregularidades que presenta o texto, que contravindo a normativa vixente non avalía os efectos ambientais que esixe a Lei ao incluír de xeito complementario o proxecto mineiro dentro da ordenación do territorio municipal.

Detalle do Plano do PXOM de Cabana. En vermello, a zona do proxecto mineiro
En efecto, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) recolle no seu apartado V.4, que aínda que a mina de Corcoesto é un proxecto cancelado, no hipotético caso de conseguir a licenza, "ao igual que calquera outra explotación mineira suporá un impacto ambiental", declarando asimesmo que "as futuras e previsibles actuacións sobre o territorio municipal que poden ter unha significativa incidencia a nivel socioeconómica e ambiental son alleas ao PXOM", nun claro intento de eximir ao Plan Xeral de avaliar as posibles consecuencias do proxecto mineiro, tal como obriga a Lei 9/2002, de Ordenación Urbana de Galicia.

Doutra banda, o DI do PXOM de Cabana incumpre reiteradamente esta norma, ao considerar que un proxecto dunha empresa privada pode ser considerado como un servizo para a totalidade do municipio ao aparecer directamente reflectido nos mapas recollidos no Plan Xeral.

O máis significativo, en calquera caso, é que unha explotación de máis de 700 hectáreas, que empregará 546 toneladas ao ano de cianuro de sodio durante o proceso de recuperación do mineral e que xerará máis de 100.000 toneladas ao ano de residuos tóxicos altamente contaminados, intente ser equiparada de xeito interesado a un proxecto mineiro convencional, cando hoxe é sabido que a minaría a ceo aberto é a actividade industrial máis contaminante, e a que máis residuos xera.

UNHA NOVA MANOBRA DO ALCALDE DE CABANA

En definitiva, isto supón unha lamentable manobra do alcalde de Cabana, José Muiño, para retomar un proxecto sen sentido, irracional, pero sobre todo cancelado, que tan só serviu para crear malestar e dividir os veciños de Cabana e que foi maioritariamente rexeitado pola sociedade galega.

Por todo iso, a asociación presentará alegacións ao PXOM e esixirá as responsabilidades que correspondan ante este novo intento de favorecer os obxectivos de Mineira de Corcoesto e Edgewater a costa da saúde e o medio ambiente da Comarca de Bergantiños.

(21.1.2013)