Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana presenta alegacións ao PXOM favorable á mina de Corcoesto

A plataforma considera que a configuración do territorio proposta no Documento de Inicio (DI) do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabana de Bergantiños vai en contra da lexislación vixente ao incluír de maneira irregular o proxecto mineiro, cancelado pola Xunta, sen chegar a considerar en ningún caso os efectos ambientais adversos.

Plano do PXOM cabanés onde se inclúe o proxecto mineiro
No mencionado texto inclúese, de xeito incomprensible ao tratarse dun proxecto rexeitado pola actual Administración autonómica, unha sección de "Xeoloxía económica" (punto 2.1.1.4), na que se recoñece que "na actualidade está en tramitación o inicio dunha explotación de minaría metálica na parroquia de Corcoesto", que "o filón contén ouro e arsenopirita" e que "gran parte do territorio municipal" foi solicitado para as prospeccións mineiras.

Así mesmo recoñece no seu apartado V.4 que na hipótese de que o proxecto mineiro puidese saír adiante, "ao igual que calquera outra explotación mineira suporá un impacto ambiental", afirmando asemade que "as futuras e previsibles actuacións sobre o territorio municipal que poden ter unha significativa incidencia a nivel socioeconómica e ambiental son alleas ao PXOM", nun claro intento de eximir ao Plan Xeral de avaliar as posibles consecuencias do proxecto mineiro, tal como sinala a Lei 9/2002, de Ordenación Urbana de Galicia (LOUGA), que afirma que o DI ten que conter obrigatoriamente unha avaliación "dos seus efectos ambientais" e dos efectos previstos "sobre os elementos estratéxicos do territorio".

Recentemente, a asociación tivo acceso ás investigacións desenvolvidas dende a Universidade de Santiago de Compostela realizadas nos últimos doce anos sobre a mobilización do arsénico presente no río Anllóns derivado das antigas labores mineiras, que facilitaron a remoción de materiais e a súa transferencia cara ao río, o que eleva o risco de efectos indesexados para a saúde das persoas e o medio ambiente. Estas e outras consecuencias do proxecto mineiro non son en ningún momento avaliadas no novo PXOM cabanés, incumprindo de xeito flagrante as directrices establecidas pola LOUGA.

Por outra parte, no DI o proxecto mineiro de Corcoesto aparece reflectido expresamente no plano da alternativa seleccionada coa clasificación do solo contida dentro do sistema xeral, inclumprindo novamente a LOUGA, que no seu artigo 165.2 recolle que "son terreos de sistemas xerais os dotacionales públicos que están deseñados ou previstos para o servizo da totalidade do municipio e, en especial, para implantar as infraestruturas básicas", o que non sucede en ningún caso ao tratarse dun proxecto mineiro que unicamente persegue o beneficio dunha empresa privada e que baixo ningún concepto pode ser cualificado polo sistema xeral.

Finalmente, é necesario denunciar unha vez máis a lamentable actitude do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño, e do seu equipo de goberno, que a diferenza da maioría de concellos galegos, non puxeron a disposición dos veciños o DI do PXOM na web municipal a sabendas de que está en etapa de información pública e que hai prazo para presentar alegacións ata o próximo 16 de febreiro. Unha mostra máis da opacidade que caracterizou o seu mandato en todo o relativo ao frustrado proxecto de Corcoesto.

(27.1.2013)