Saltar ao contido principal

A mostra fotográfica sobre o conflito mineiro de Corcoesto continúa o seu percorrido itinerante por terras galegas

O Centro Sociocultural do Castiñeiriño, en Santiago, acolle do 4 ao 21 de febreiro a exposición tras o seu paso polo Forum Metropolitano da Coruña, a Biblioteca "Anxel Casal" e o Centro Sociocultural de Conxo, tamén en Compostela, con gran éxito de público.

Unha das imaxes que compoñen a exposición
A mostra, titulada "Ouro Impuro: A loita por Corcoesto", está dispoñible en dúas montaxes de distinto formato de 24 e 36 imaxes respectivamente en función do espazo expositivo, e fai un percorrido en tres fases polos valores naturais de Cabana de Bergantiños e a parroquia de Corcoesto (unha das dez que integran o seu concello), as actividades tradicionais e unha selección de imaxes da loita popular iniciada 2012 para conseguir a anulación do proxecto mineiro da empresa canadense Edgewater Exploration plantexado entre os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso.

Esta iniciativa quere servir de recordatorio gráfico de como a mobilización social en defensa do medio ambiente e a saúde da poboación conseguiu un fito histórico ao lograr de xeito preventivo a cancelación do proxecto, que foi confirmada polo Presidente da Xunta o pasado 15 de outubro durante o Debate de Estado da Autonomía.

De levarse a cabo, o proxecto mineiro de Corcoesto empregaría 546 toneladas anuais de cianuro de sodio durante o proceso de lixiviación para separar o ouro da rocha, xerando no mesmo período de tempo 100.000 toneladas de residuos tóxicos e supoñendo un perigo sen precedentes para os habitantes da zona, a cambio dun proxecto de escasos anos de duración que ademais poñería en risco os miles de empregos directos e indirectos xa consolidados no sector primario (agricultura, gandeiría, marisqueo) ademais do turístico, que en definitiva son a referencia económica de toda a bisbarra.

A exposición, que xa foi visitada por varios miles de persoas nas súas tres primeiras localizacións, estará ata o próximo día 21 no Centro Sociocultural do Castiñeiriño para a continuación emprender un periplo por diversas salas e localidades galegas que concluirá en Castilla-León e Cataluña na segunda metade do ano.

(4.2.2014)