Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana denuncia que a rotura da balsa mineira do Monte Neme é un recordatorio do que podería suceder en Corcoesto

A plataforma apela unha vez máis ao sentido común das autoridades galegas e recorda que o Principio de Precaución, recollido no artigo 174 do Tratado da Unión Europea, é actualmente unha das políticas reitoras a nivel continental.

Infografía e datos da vertedura de Monte Neme
A rotura dunha das balsas mineiras do Monte Neme na madrugada do luns, e a riada conseguinte sufrida polas parroquias de Aviño, en Malpica, e Razo da Costa, en Carballo, provocando un desastre ambiental sen precedentes na Bisbarra de Bergantiños e unha vertedura de máis de 24.000 m³ de auga e lodos, é un recordatorio de como a falta de previsión da Dirección Xeral de Minas derivou un accidente que podería terse evitado.

A pesar das sucesivas borrascas dos últimos días e o elevado nivel de precipitacións, a situación de perigosidade pola inestabilidade das balsas deste complexo mineiro abandonado fora reiteradamente advertido por múltiples colectivos e particulares ante o desentendemento do problema por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

PARA SALVEMOS CABANA, ISTO PODERÍA ACONTECER EN CORCOESTO

Mapa e cifras de volume nas balsas de Corcoesto
Valorando os feitos, debemos recordar unha vez máis o risco potencial que supón permitir un conxunto de balsas mineiras de moita maior superficie e volume (11.000.000 de m³) con residuos de alta toxicidade na mina de Corcoesto, e como puido ser posible a aprobación da Declaración de Immpacto Ambiental nesas condicións, pois unha vertedura ao Esteiro do Río Anllóns xeraría unha avenida de lamas tóxicas que deixaría pequeno a desastre acontecido na mina sevillana de Aznalcóllar en 1998.

Por todo iso, dende Salvemos Cabana consideramos que a Xunta debe considerar o denominado "Principio de Cautela" ou "Principio de Precaución", o que supón examinar comparativamente o custe-beneficio dunha determinada acción ou proxecto tanto a longo como a curto prazo, indo máis alá dunha mera análise económica da rendibilidade ao incluír consideracións e o seu grao de aceptabilidade para as poboacións afectadas, que son en definitiva as que terán que cargar coas consecuencias dun posible accidente, pois ante o perigo potencial, non hai proxecto que poida ser o suficientemente rendible.

(10.2.2014)