Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana pide á Consellería de Sanidade que analice a auga das balsas mineiras do Monte Neme

A actividade levada a cabo no século XX, orientada durante máis de 60 anos á explotación metalífera de wolframio e estaño, podería incidir na presenza de residuos tóxicos ácidos nas masas de auga contidas no cumio do monte, supoñendo un perigo ambiental para a saúde da poboación e o entorno en caso dunha nova vertedura a gran escala ou a instalación sen control de canalizacións de drenaxe.

De feito, os labores mineiros en época moderna datan da Primeira Guerra Mundial, explotándose ata a década de 1970 por minaría de interior e finalizando a mediados dos 80 mediante explotación a ceo aberto, logrando unha produción significativa -mesmo a nivel nacional-, de concentrados de wolframita e casiterita, que en 1984 chegaron a alcanzar as 37,7 e as 16,25 toneladas respectivamente.

O principal problema reside en que os filóns, fundamentalmente de cuarzo, están mineralizados, ademais de con wolframita e casiterita, con outros elementos como a calcopirita, a scheelita e a arsenopirita, sendo algúns deles particularmente ricos en sulfuros metálicos.

Hai que recordar que durante décadas, o tratamento realizado "in situ" nas instalacións do Monte Neme consistiu na trituración e moenda do groso do mineral, para a continuación realizar un proceso de tostado e separación dos concentrados de wolframita e casiterita, exportados a través do porto da Coruña, no primeiro caso, e levados a Vilagarcía de Arousa para a recuperación de estaño, no segundo.

A suma destes factores (fragmentación rochosa, moenda, procesado) nas condicións anteriormente mencionadas e o descoñecemento do lugar final de depósito dos residuos, presenta unha serie de impactos ambientais que poderían ter repercutido finalmente na masa hídrica almacenada nas balsas mineiras, unha das cales rebentou na madrugada do pasado día 10 orixinando unha vertedura de auga e lodos de máis de 24.000 m³ da que non se coñece o seu grao de toxicidade, pero que podería non ser inocuo para os terreos -especialmente no caso dos de cultivo- das parroquias afectadas en Carballo e Malpica.

Por iso, a asociación ven de cursar unha solicitude por escrito á Consellería de Sanidade para que se proceda á análise de augas das balsas da mina abandonada de Monte Neme, para descartar calquera tipo de problemática a maiores do que supuxo este desastre ambiental para a Comarca de Bergantiños.

(17.2.2014)