Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana propón a creación dunha Reserva da Biosfera no río Anllóns e a súa área de influencia

A plataforma solicita información ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente das condicións, trámites e procedemento a seguir nun proxecto que implicaría a media ducia de concellos da provincia de A Coruña.

Vista do esteiro do Anllóns dende Cabana de Bergantiños

Cun caudal medio que rolda os dez mil metros cúbicos por segundo e cun traxecto de 54,4 quilómetros, o Anllóns é un río que nace nos montes de Xalo, na Serra de Montemaior, e desemboca nun espectacular esteiro fluvial na ría de Corme e Laxe, atravesando ao seu paso os concellos de Laracha, Cerceda, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños.

Debido á súa especial relevancia, este río obtivo en 2001 a declaración de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e está integrado na Rede Natura 2000, co obxecto de contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos seus hábitats naturais e da flora e fauna silvestres consideradas prioritarias pola directiva europea 92/43/CE.

O RÍO ANLLÓNS E O PROGRAMA MaB

En 1971, a UNESCO empezou o programa MaB ("Man and Biosphere") co obxectivo de poñer en valor zonas protexidas de medios terrestres e costeiros representativos cuxa importancia, tanto para a conservación coma para a establecemento de coñecementos prácticos e valores humanos, puidesen contribuír a un desenvolvemento sostible para as comunidades.

Para Salvemos Cabana, a zona do Anllóns e a súa área de influencia coincide á perfección coas funcións esenciais do Programa Man and Biosphere (MaB) da UNESCO, tanto a nivel de conservación de paisaxes e ecosistemas, coma no fomento dun desenvolvemento económico e humano sostible dende o punto de vista sociocultural e ecolóxico.

COMO PRIMEIRO PASO, O ESTEIRO FLUVIAL DO ANLLÓNS DEBE CONVERTERSE EN RESERVA NATURAL PROTEXIDA

Non obstante, debido ás restricións do Programa MaB, sería indispensable o establecemento dunha ou varias zonas de reserva baixo o amparo dalgunha figura de protección para o que sen dúbida, o esteiro fluvial do Anllóns sería candidato prioritario, ao tratarse dun dos tramos litorais máis destacados da Península Ibérica pola súa gran riqueza natural e ornitolóxica.

Así, aínda que entre as especies invernantes destacan o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), a garzota (Egretta garzetta), a garza real (Ardea cinerea), a cerceta real (Anas crecca) ou o alavanco real (Anas latyrhynchos), tense chegado a rexistrar a presenza de case trescentos tipos de aves, sendo un espazo privilexiado para a observación de migratorias que chegan dende Europa, África e mesmo América do Norte, traídas polos ventos dominantes do Atlántico.

UNHA GRANDE OPORTUNIDADE

Polo anteriormente exposto, a asociación considera que esta declaración de Reserva da Biosfera (baixo a denominación de "Terras do Anllóns") podería tratarse dunha oportunidade única de valorización do territorio que redundaría na conservación ambiental e o beneficio socio-económico das comarcas implicadas, fronte a proxectos meramente especulativos como foron o da mina de Corcoesto ou o negocio inmobiliario -que tantas veces dexenerou en fenómenos de corrupción urbanística-, e que nada achegan á sociedade.

(2.2.2014)