Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana urxe á drenaxe e selado das balsas mineiras do Monte Neme ante o risco potencial de que se produza un novo accidente

A plataforma alerta da ineficiencia a longo prazo das accións levadas cabo pola Dirección Xeral de Minas e denuncia que a zona afectada carece das máis elementais medidas de seguridade.

As balsas mineiras do Monte Neme, un risco permanente
As consecuencias do prolongado período de actividade mineira e a falta de control público tiveron un efecto desvastador sobre o ámbito da parte superior do Monte Neme que dificilmente poderá ser restituído á súa condición orixinal. Neste momento, nembargantes, a prioridade é o establecemento dunhas condicións mínimas de protección que eviten novos accidentes.

Neste senso, máis alá de simples amoreamentos de pedras ou áridos, fácilmente sorteables por calquera persoa, non hai ningún tipo de elemento de seguridade que impida o acceso ás balsas nin sinalización algunha de carácter regulamentario que advirta do perigo de caída ás balsas ou afundimento do terreo.

Doutra banda, as propias balsas carecen dun dique de contención sólido e o sistema de drenaxe proposto pola Consellería de Economía e Industria podería non resultar eficaz en caso de condicións meteorolóxicas adversas, en especial polo volume de auga e lodos que acumula a balsa principal -practicamente colmatada-, o que supón un risco evidente para a poboación das parroquias de Carballo e Malpica que residen en cotas interiores desa ladeira do monte.

Finalmente, as instalacións supoñen un perigo en si mesmas debido ás condicións de absoluto abandono nas que se encontran, con distintos elementos á intemperie que potencialmente tamén supoñen un hándicap que non pode ser asumido nin permitido pola actual Administración autonómica.

Ante estes feitos, a asociación considera que é fundamental emprender con urxencia a drenaxe e selado das balsas mineiras e o establecemento dun perímetro de seguridade que impida calquera tipo de risco asociado á explotación abandoada.

NO MONTE NEME EXISTIU UNHA DEXACIÓN DE FUNCIÓNS DENDE A PARTE ADMINISTRATIVA

A Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia, estipula que corresponde á Xunta verificar o cumprimento da normativa en calquera tipo de actividade mineira (art.46) e que os funcionarios establecidos para tal fin poderán efectuar "todas as dilixencias e requirir a información e documentación necesarias para comprobar que se cumpren as disposicións legais e regulamentarias" (art.47).

Así mesmo, recóllese nos capítulos II e III un réxime sancionador, que establece competencias, procedementos e no seu caso, toma de "cantas medidas preventivas resulten necesarias" pola vía de urxencia (art.53), o que inclúe tanto medidas de seguridade ou control "que impidan a continuidade na produción do dano", coma o "precintado de aparatos, equipos ou vehículos" que poidan supoñer un risco.

En conclusión, e ante as reiteradas advertencias de perigo que se viñan sucedendo sobre a posibilidade de accidente no Monte Neme -como así aconteceu-, foi a propia Administación galega a que, a xuízo da plataforma, mostrou un comportamento neglixente na xestión do caso, polo que se deberían depurar responsabilidades nos departamentos correspondentes.

(24.2.2014)