Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana celebra o Día Mundial da Natureza cun chamamento á protección do esteiro fluvial do Río Anllóns

Nacións Unidas convoca cada 3 de marzo a poñer en valor da "beleza e variedade" que brinda a flora e fauna do planeta e a crear conciencia "acerca da cantidade de beneficios que reporta" recordando "a necesidade urxente de combater os delitos contra a natureza, os cales carrexan consecuencias de gran alcance no ámbito económico, ambiental e social".

Salvemos Cabana chama á protección do esteiro fluvial do Anllóns

Por todo iso, a plataforma considera que é a data ideal para pedirlle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta -á que enviará un informe nas próximas semanas-, que o esteiro fluvial do río Anllóns sexa considerado baixo a figura de "Humedal Protexido", ao tratarse dun tramo do litoral galego de incomparable riqueza a nivel de paisaxe e biodiversidade.

Neste momento só cinco espazos teñen a cualificación en Galicia de "Humedal Protexido"; o complexo das praias, lagoa e dunas de Corrubedo, o complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, a lagoa e ao areal de Valdoviño, a ría de Ortigueira e Ladrido e a ría de Ribadeo.

Para a asociación, resulta incomprensible que este non sexa aínda o caso do esteiro fluvial do río Anllóns, que ademais destaca a nivel ornitolóxico pola maior presenza de aves raras da Península Ibérica, sendo un espazo privilexiado para a observación das migracións que chegan dende Europa, África, e mesmo América do Norte, traídas polos ventos dominantes do Atlántico, e integradas dentro dun corpus total de case 300 especies rexistradas nos seus distintos hábitats.

Como ben sinalou a ONU en referencia ao Día Mundial da Natureza, "ademais do seu valor intrínseco, a fauna e a flora salvaxes contribúen aos aspectos ecolóxicos, xenéticos, sociais, económicos, científicos, educativos, culturais, recreativos e estéticos do desenvolvemento sostible e do benestar dos seres humanos".

SALVEMOS CABANA MANTÉN A SÚA APOSTA PARA A DECLARACIÓN DUNHA RESERVA DA BIOSFERA NO RÍO ANLLÓNS

Tal como sinalou no mes de febreiro, a asociación segue apostando, malia a súa complexidade, que a declaración do río Anllóns e a súa área de influencia como Reserva da Biosfera (baixo a denominación de "Terras do Anllóns") podería tratarse dunha oportunidade única de valorización do territorio que redundaría na súa conservación ambiental e múltiples beneficios socio-económicos para as bisbarras dos concellos implicados, fronte a proxectos irracionais que son reflexo do fracaso dun modelo político como o da mina de ouro de Corcoesto ou a corrupción asociada ao negocio inmobiliario, que nada achegan ao benestar colectivo e tan só contribuíron a dividir a poboación.

Para Salvemos Cabana é necesario recordar que debido á súa especial singularidade, o Anllóns obtivo en 2001 a declaración de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e está integrado na Rede Natura 2000, co obxecto de contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos seus hábitats naturais e da flora e fauna silvestres consideradas prioritarias pola directiva europea 92/43/CE.

(3.3.2014)