Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana pide moderar o optimismo tras o anuncio da Xunta de cancelar a mina de Corcoesto

Inda que a plataforma celebra a decisión da Consellería de Economía e Industria de facer público por escrito a anulación do proxecto, espera nos próximos días resposta da Oficina do Valedor do Pobo en canto á pervivencia ou non da Declaración de Impacto Ambiental aprobada a finais de 2012 pola Consellería de Medio Ambiente a Mineira de Corcoesto S.L./Edgewater, que é a clave para coñecer se a iniciativa mineira foi rexeitada na súa totalidade.

O pasado mes de xaneiro, dende Salvemos Cabana fíxose un requirimento ao Alto Comisionado para coñecer se o trámite de avaliación ambiental da mina de Corcoesto estaba anulado ou pola contra segue tendo validez, o que podería facilitar a reactivación do proxecto.

Na resolución emitida no seu día polo organismo, a Oficina do Valedor sinalou que "dado o rexeitamento global do proxecto, este ten como consecuencia que decaian todos os actos de trámite deste, entre eles a avaliación ambiental", pois "non resulta aplicable o previsto para a posible caducidade das declaracións, posto que a pervivencia durante un prazo prevese para os casos en que se deu a autorización ou aprobación do proxecto e este non comezase a executarse (art.14 do Real Decreto Lexislativo 1/2008) ".

Non obstante, o Director Xeral de Minas, Angel Bernardo Tahoces, o mesmo que asina o escrito de cancelación feito público esta semana, sostivo en público en reiteradas ocasións que a aprobación da declaración de impacto ambiental ten validez durante cinco anos deacuerdo á lexislación vixente, contravindo o publicado pola Oficina do Valedor do Pobo.

Con data 27 de febreiro, a plataforma recibiu un escrito por parte da Oficina do Valedor en relación co expediente referido ao caso tras ser admitido a trámite, anunciando que ao non ter recibido en prazo o informe demandado á Consellería de Economía e Industria, efectuábase un novo requirimento, recordando expresamente que a contestación por parte da Xunta é unha obriga legal, tal como sinala o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo.

Tras consulta telefónica coa institución, espérase nos próximos días unha resolución sobre o particular, que aclare de xeito pertinente se a cancelación do proxecto permite a anulación ou non da aprobación ambiental.

Por todo iso, dende a plataforma pídese a máxima cautela ata coñecer na súa totalidade o alcance real deste feito e se a anulación da mina de Corcoesto pode tratarse como algo definitivo e irreversible.

(14.3.2014)