Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana denuncia que a Xunta poderá autorizar proxectos mineiros como Corcoesto en zonas de especial protección a nivel europeo

A Plataforma considera un completo despropósito a aprobación nos termos actuais do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, que fará vulnerables extensións territoriais ata agora protexidas e que será aplicable de xeito potencial a un total de 59 Zonas de Especial Conservación (ZEC), así como tamén a 16 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), en clara incompatibilidade coas directrices de conservación propostas no artigo 22.

Mapa da ZEPA Costa da Morte, tal como se recolle no documento
Segundo recolle o documento publicado esta semana no Diario Oficial de Galicia, aínda que a Rede Natura "considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas actividades e aproveitamentos mineiros a ceo aberto", con carácter excepcional "poderánse autorizar novas actividades extractivas a ceo aberto naquelas áreas"que sexan consideradas como "zonas con potencial mineiro polo Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia" ou que queden incluídas nun "concello mineiro" tal como está definido na Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia.

Ademais, o Plan Director concreta que as explotacións mineiras que estiveran en activo antes da súa aprobación poderán seguir en funcionamento "dentro das condicións da súa autorización ou outorgamento" e que "a viabilidade das explotacións mineiras solicitadas con anterioridade á entrada en vigor do presente plan, así como a ampliación das explotacións que se atopen en activo no dito momento, quedará supeditada ao procedemento de avaliación ambiental".

TOTAL LIBERDADE DE ACCIÓN PARA O SECTOR MINEIRO DENTRO DA REDE NATURA

Na práctica, isto supón, dunha parte, que calquera das zonas de maior valor ecolóxico de Galicia é susceptible de ser intervida pola industria extractiva e, por outra, que se abre as portas á legalización encuberta de decenas de explotacións que actualmente están a operar de xeito irregular.

O NOVO PLAN DIRECTOR É UN REFLEXO DOS DEFECTOS DA LEI DE ORDENACIÓN DA MINARÍA DE GALICIA

A realidade é que o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia aproveita as carencias da Lei 3/2008, aprobada na época do bipartito e unha normativa en absoluto garantista que mesmo permite "acordar, con carácter excepcional, logo de xustificación do interese público o outorgamento de dereitos mineiros en caso de existencia de informes preceptivos desfavorables" (artigo 4 c) ou atribúe plenos poderes ao Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (PSAEG), ao outorgarlle unha "incidencia supramunicipal", que prevalece mesmo sobre os plans urbanísticos de zona e que "inclúe a máxima simplificación administrativa dos expedientes mineiros", establecendo unha clara preferencia da actividade mineira sobre outros sectores produtivos e dando vía libre, de facto, a un proceso liberizador ao diminuír de xeito alarmante o control sobre o público e primar unicamente os criterios empresariais e económicos (artigos 11 e 12).

SALVEMOS CABANA DENUNCIARÁ EN EUROPA O PLAN DIRECTOR APROBADO POLA XUNTA

Polo anteriormente mencionado, a asociación denunciará en Europa a barbarie e o perigo que supón esta normativa autonómica fronte aos obxectivos da propia Rede Natura, principal instrumento para a conservación da natureza na UE, cuxa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os tipos de hábitat en Europa, contribuíndo a deter a perda da biodiversidade ocasionado polo impacto das actividades humanas.

(1.4.2014)