Saltar ao contido principal

A exposición fotográfica sobre o conflito mineiro de Corcoesto chega á súa quinta edición na capital de Galicia

Tras o seu paso polo Forum Metropolitano de A Coruña, a Biblioteca Anxel Casal de Santiago e os centros municipais de Conxo e Castiñeiriño, a mostra seguirá o seu percorrido itinerante dende o 24 de abril ata o próximo 16 de maio no Centro Sociocultural de Vite, para a continuación emprender un periplo por distintas salas e localidades que concluirá a finais do 2015, tras a recente ampliación do calendario do evento.

Unha das imaxes que compoñen a exposición fotográfica
Baixo o título de "Ouro Impuro: A loita por Corcoesto", a exposición está dispoñible en dúas montaxes de distinto formato de 24 e 36 imaxes respectivamente en función do espazo expositivo, e fai un percorrido en tres fases polos valores naturais de Cabana de Bergantiños e a parroquia de Corcoesto (unha das dez que integran o seu concello), as actividades tradicionais e unha selección de imaxes centrada na loita popular iniciada durante o verán de 2012 para conseguir a cancelación do proxecto da empresa mineira canadense Edgewater Exploration entre os concellos coruñeses de Cabana, Coristanco e Ponteceso.

A iniciativa quere servir de recordatorio gráfico de como a mobilización social en defensa do medio ambiente e a saúde da poboación logrou un fito histórico ao conseguir parar de xeito preventivo o perigo potencial a gran escala que supoñería o proxecto mineiro de Corcoesto ao empregar 546 toneladas anuais de cianuro de sodio para separar o ouro da rocha a través da xeración de máis de 100.000 toneladas de residuos tóxicos por tempada durante un período de aproximadamente oito anos.

De levarse a cabo, as balsas de residuos mineiros serían un legado ambiental inasumible para as xeracións futuras a cambio dun proxecto de escaso horizonte temporal que podería poñer en risco os miles de empregos xa consolidados nos sectores agropecuario, marisqueiro, pesqueiro e turístico, que son a base da economía da zona.

UNHA CHAMADA AO SENTIMENTO COLECTIVO E A RESPONSABILIDADE INSTITUCIONAL

Tal como se recolle na mostra, a anulación dos plans de Edgewater en Bergantiños supuxo un triunfo da sociedade civil e a dignidade colectiva, pero tamén un chamamento ao sentido común e a responsabilidade institucional dos gobernantes fronte a proxectos irracionais nos que, como no caso da mina de Corcoesto, demostrouse finalmente que os prexuízos superaban con moito aos teóricos beneficios.

(15.4.2014)