As análises da Xunta confirman a presenza de augas tóxicas nas balsas mineiras e os puntos de vertedura do Monte Neme

Salvemos Cabana recibiu contestación da Consellería de Sanidade sobre a solicitude efectuada o pasado 18 de febreiro tras a rotura dunha das balsas mineiras e a partir do cal se solicitou unha análise completa da masas hídricas e os puntos de drenaxe existentes no Monte Neme para descartar calquera risco a nivel medioambiental.

Pola súa banda, a Plataforma denunciou ao Seprona unha vertedura incontrolada de augas ácidas a carón doutra das balsas pertencente á concesión 'Reconquista' e ven de presentar alegacións ao proxecto de abandono e clausura do grupo mineiro ao considerar que se quere efectuar unha restauración incompleta que deixará á marxe zonas nun evidente estado de degradación procedentes da antiga explotación metalífera.

RESPOSTA DA CONSELLERÍA DE SANIDADE

En contestación ao escrito, dende a Subdirección Xeral de Control de Riscos Ambientais para a saúde comunicouse que Augas de Galicia, organismo ao que finalmente derivou o caso "realizou e está a realizar analíticas dos puntos de vertedura e de zonas receptoras", que segundo a información á que tivo acceso Salvemos Cabana deron como resultado a medición de alarmantes niveis de aluminio e baixos niveis de pH, indicando a presenza de augas ácidas tóxicas derivadas da actividade mineira preexistente das que polo momento se descoñece o seu grao de incidencia sobre as captacións de auga para o consumo humano -especialmente nas zonas potencialmente afectadas do Concello de Carballo-.

Vertido incontrolado de augas ácidas dunha das canalizacións de drenaxe
Como xa se advertira dende a asociación, a minaría levada a cabo no século XX nesta localización estivo orientada dende 1915 e de xeito intermitente durante máis de seis décadas á explotación metalífera de wolframio e estaño incluíndo procesos de trituración e moenda, o que podería ter incidido na presenza de residuos tóxicos ácidos nas masas de auga almacenadas no cumio do monte, supoñendo un perigo a nivel de saúde ambiental en caso de novas verteduras ou a instalación de canalizacións de drenaxe como solución de urxencia pois os filóns, fundamentalmente de cuarzo, están mineralizados ademais de con wolframita e casiterita, con outros elementos como a calcopirita, a sheelita e a arsenopirita, sendo algúns particularmente ricos en sulfuros metálicos.

VERTEDURA DE AUGAS CONTAMINADAS NA CONCESIÓN 'RECONQUISTA'

Asemade, a asociación denunciou ao Seprona unha vertedura incontrolada de augas contaminadas a carón dunha balsa situada ao leste da concesión mineira 'Reconquista', que está a derivar monte abaixo en dirección á localidade de Nétoma (Razo, Carballo).

Aínda Que Leitosa S.A.U., concesionaria da última explotación mineira do Monte Neme, solicitou en 2011 unha autorización oficial de vertedura ao Dominio Público Hidráulico, o documento sometido a información pública fai referencia a "augas residuais industriais e de escorrentía depuradas", o que en ningún caso ten relación coa situación observable sobre o terrero e confirma unha vez máis o escaso control que a Dirección Xeral de Minas exerceu ata a data do accidente.

ALEGACIÓNS AO PLAN DE RESTAURACIÓN DO MONTE NEME

A Plataforma Salvemos Cabana presentou, ademais, alegacións ao proxecto de abandono e clausura do grupo mineiro 'Monte Neme', ao considerar que se trata dunha restauración claramente incompleta e que centra a maior parte dos recursos no maior oco da explotación situado na concesión 'Rima', deixando á marxe a outras zonas procedentes da antiga explotación metalífera, ás que se considera como "restauradas" pero que presentan un máis que evidente estado de degradación.

Por outra parte, búscase implantar unha cuberta herbácea en diversos sectores da área afectada para ser utilizada a xeito de pasteiro, propoñendo "implantar unha pradaría que poida ser aproveitada como pasto ou para recoller forraxe" orientado ao uso gandeiro pero sen avaliar o estado de contaminación previa do terreo derivado da actividade mineira nin a retirada de estériles afectados, o que podería ter un efecto directo sobre a cadea trófica, algo que dificilmente poida ser valorado pois o criterio de actuación se deixa en mans dos dous enxeñeiros que elaboraron o proxecto de restauración -un de minas e outro agrónomo-, sen a incorporación de ningún especialista a nivel ambiental.



A ROTURA DA BALSA MINEIRA FOI A CLAVE PARA A ACTUACIÓN ADMINISTRATIVA

Finalmente, é necesario sinalar que con maior ou menor acerto, todas as decisións da Consellería de Economía e Industria viñeron dadas polo accidente sucedido o pasado 10 de febreiro, que causou un desastre sen precedentes nas localidades de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica de Bergantiños) ao orixinar unha vertedura de máis de 24.000 m³ de auga e lodos cuxa composición, segundo agora se demostra, está lonxe de ser inocua e que a non ser polo arboredo que tapiza ese sector do monte, podería ter causado danos persoais difíciles de imaxinar.

Malia que o desastre anunciárase dende fai tempo por múltiples colectivos e particulares, existe o convencemento de que de non acontecer estes feitos a Dirección Xeral de Minas non chegaría a actuar coa celeridade obrigada que demostrou durante os últimos dous meses.

CLARO INCUMPLIMENTO DA LEXISLACIÓN

A Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia, aprobada cando Leitosa S.A.U. aínda estaba en operación, estipula que corresponde á Xunta verificar o cumprimento da normativa en calquera tipo de actividade mineira (art.46) e que os funcionarios establecidos para tal fin poderán practicar "todas as dilixencias e requirir a información e documentación necesarias para comprobar que se cumpren as disposicións legais e regulamentarias" (art.47).

Así mesmo, recóllese nos capítulos II e III un réxime sancionador, que establece competencias, procedementos e no seu caso, toma de "cantas medidas preventivos resulten necesarias" pola vía de urxencia (art.53), o que inclúe tanto medidas de seguridade ou control "que impidan a continuidade na produción do dano", coma o "precintado de aparatos, equipos ou vehículos" que poidan supoñer un risco.

(21.4.2014)