Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana considera lamentable a xestión pública efectuada pola Xunta no desastre ambiental do Monte Neme

Ante o deficiente acceso á información proporcionada polas autoridades autonómicas sobre o caso, a asociación ven de solicitar á Consellería de Sanidade o acceso por escrito aos datos concretos das analíticas efectuadas no Monte Neme e enviará un informe á Área de Verteduras de Augas de Galicia con localización por GPS de cada un dos puntos conflitivos no ámbito da antiga explotación mineira para que se proceda ao seu estudo e control de riscos.

Plano de situación das balsas mineiras no Monte Neme

Segundo se fixo público durante o fin de semana en medios de comunicación, a Xunta soamente realizou controis en dúas das seis balsas do complexo; no punto de rotura da balsa do accidente e na área de vertedura doutra das balsas mineiras da que non se indicou a súa localización, confirmándose a situación denunciada por Salvemos Cabana sobre a presenza de elevados niveis de aluminio na balsa que colapsou -dos que se descoñecen as medicións actuais- e de baixos niveis de pH que aínda persisten, indicando a presenza de augas ácidas.

A INFORMACIÓN OFRECIDA POLA CONSELLERÍA DE SANIDADE FOI PARCIAL E INCOMPLETA

Salvemos Cabana considera que a información ofrecida pola Consellería tanto por vía escrita coma oralmente foi claramente insuficiente e podía inducir a erro. Por iso a Plataforma, rexistrada como asociación sen ánimo de lucro que ten entre as súas finalidades a protección da natureza e o medio ambiente, efectuou unha petición formal á Consellería de Sanidade para acceder aos datos concretos das analíticas efectuadas no Monte Neme e coñecer cuales son as actuacións levadas a cabo por esta para protexer a saúde da poboación potencialmente afectada máis alá dos controis que habitualmente se levan a cabo sobre as augas procedentes de depuración.

LOCALIZACIÓN DOS PUNTOS CONFLITIVOS A NIVEL AMBIENTAL

Doutra banda e ante a desidia das administracións, Salvemos Cabana remitirá un informe á Área de Verteduras de Augas de Galicia localizando por GPS cada un dos puntos conflitivos no ámbito da antiga explotación mineira para que se proceda a investigar o seu nivel de risco ambiental. A asociación considera indispensable, dado o seu nulo mantemento, a valoración do estado das restantes balsas mineiras e os seus efectos reais sobre o medio. É fundamental, ademais, que a Xunta aclare como realizará a drenaxe das balsas mineiras considerado no "Proxecto de Abandono e Clausura do Grupo Mineiro Monte Neme".

VERTEDURA DENUNCIADA AO SEPRONA

En canto á vertedura de augas contaminadas denunciada ao SEPRONA o pasado luns, situado nas inmediacións dunha das balsas mineiras situada na concesión 'Reconquista', e finalmente derivado a Augas de Galicia, Salvemos Cabana recibiu comunicación telefónica do organismo, indicando que a priori os niveis de pH medidos sobre o terreo están dentro da norma, se ben se está a proceder á análise detallada das augas (presenza de metais pesados e/ou outros contaminantes) para descubrir a orixe das escumas e o intenso olor ácido destas.

A PRESENZA DE ALUMINIO NAS MEDICIÓNS, UN FACTOR DE RISCO A TER MOI EN CONTA

Finalmente, a asociación considera alarmante o feito de que se detectasen altos niveis de aluminio nas medicións realizadas no Monte Neme, debido a que decenas de estudos médicos a nivel internacional demostran de xeito taxativo que este elemento, de carácter bioacumulable, ten a capacidade de alterar determinadas funcións metabólicas nos seres vivos e actúa como un potente neurotóxico, constituíndo un factor de risco para enfermidades neurodexenerativas.

Por todo iso, o feito de que se constatase a súa presenza non debe ser tomado á lixeira porque supón un grave problema de saúde pública. En referencia a isto, a nivel europeo hai un principio reitor, coñecido como de Cautela ou Precaución, que está recollido no artigo 174 do Tratado constitutivo da UE, e que os que exercen a tarefa de Goberno deberían ter en conta. En esencia, fai referencia ao concepto coloquial de que "máis vale previr que curar", e que fronte á irresponsabilidade e o descoñecemento, o sentido común é en definitiva o valor máis prezado de calquera xestor con responsabilidades públicas a calquera nivel.

(28.4.2014)