Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana empregará todos os medios legais pertinentes para lograr a anulación definitiva da autorización ambiental da mina de Corcoesto

Tras a confirmación oficial por parte da Xunta de que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto mantén o seu estado de vixencia, a plataforma estudará en detalle o caso e non descarta no futuro ningunha das vías posibles -incluída a xudicial- a prol de defender a legalidade reflectida no Real Decreto Lexislativo 1/2008, que estipula claramente as condicións de caducidade obrigatoria deste tipo de autorizacións.

O pasado día 8, o Director Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias deu resposta á pregunta formulada sobre esta cuestión dende o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda por iniciativa do deputado Antón Sánchez, afirmando que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto de Corcoesto "mantén a súa vixencia" e que malia carecer de efectos prácticos tras a denegación da autorización substantiva da explotación mineira, "non procede deixar sen efecto a DIA, tendo en conta que non concorre causa legal para iso".

Non obstante, o Real Decreto Lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos e que estaba vixente no momento de aprobación da DIA a finais do 2012 non deixa lugar a equívocos, pois aínda que de xeito ordinario a caducidade das declaracións de impacto ambiental é de cinco anos, a mencionada normativa sinala que "a declaración de impacto ambiental do proxecto ou actividade caducará se unha vez autorizado ou aprobado o proxecto non se tivese comezado a súa execución no prazo fixado pola comunidade autónoma" e que "en tales casos, o promotor debería iniciar novamente o trámite de avaliación ambiental do proxecto".

Así, a cancelación do proxecto por parte da Xunta de Galicia anula automaticamente a Declaración de Impacto Ambiental positiva emitida pola Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas, dado que a non autorización do proxecto impide que poida existir o prazo de execución pertinente que de aprobarse tería fixado a Administración autonómica, tal como figura no artigo 14.1 do Real Decreto 1/2008.

UN MOMENTO PARA NON BAIXAR A GARDA FRONTE AO PROBLEMA MINEIRO NA COMARCA DE BERGANTIÑOS

Ante esta situación, resulta lamentable que a Administración pública do actual Goberno da Xunta poida funcionar de correa de transmisión dos intereses dunha empresa privada, obviando tanto os informes técnicos que reiteradamente alertan dos perigos ambientais como do masivo rexeitamento social que xerou esta iniciativa en todo o territorio galego.

Por todo iso, a plataforma fai un chamamento a todos os colectivos e particulares implicados na loita contra a mina de Corcoesto a non relaxar a tensión e a manterse vixilantes ante calquera intento de reactivación do proxecto xa sexa dende a canadense Edgewater Exploration ou por parte de terceiras empresas.

(13.4.2014)