Saltar ao contido principal

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico pon a Kinbauri contra as cordas polas verteduras tóxicas da mina de ouro de Belmonte de Miranda

A Plataforma Salvemos Cabana puido acceder ao texto íntegro do expediente que a finais de abril impuxo unha sanción de 242.920 euros á mineira canadense como consecuencia dos labores de control, seguimento e inspección efectuadas pola Gardaría Fluvial do organismo no río Cauxa durante o ano 2013, que se suman aos 84.389 euros do pasado febreiro debido aos numerosos incumprimentos do proxecto aurífero de Boinás-El Valle e que podería provocar que a autorización ambiental da explotación sexa finalmente revogada.

A CHC recoñece que o "incumprimento das condicións establecidas na autorización AAI/33/01478-2 da mina de ouro" é unha acción que "causa danos ao dominio público hidráulico en Boinás, no termo municipal de Belmonte de Miranda (Asturias)" pola realización de verteduras "incumprindo os valores límites de emisión impostos na Autorización Ambiental Integrada (AAI) ".

Así, tal como figura no documento, "non só aparecen substancias contaminantes que non están autorizadas (selenio, cobre, cadmio, cinc e cianuros), senón que tamén se constatou a presenza de arsénico, substancia preferente, en concentracións superiores aos valores límite autorizados".

Por todo iso, "a achega de contaminantes ao río Cauxa polas verteduras procedentes da mina de Kinbauri provoca o deterioro da calidade das augas, ata tal punto que quedou acreditado o incumprimento continuado das Normas de Calidade Ambiental para o selenio", como indican as mostras tomadas no medio receptor.

O selenio, ademais, é unha substancia que a lexislación de augas considera perigosa ao presentar "un risco significativo para as augas superficiais debido á súa especial toxicidade, persistencia e bioacumulación", o que para a CHC "dá idea da súa transcendencia polo que respecta á seguridade de persoas e bens".

OS CONTINUOS INCIDENTES AMBIENTAIS DEMOSTRAN QUE NON SE PODE GARANTIR UNHA MINARÍA DO OURO SEGURA, TAMPOUCO EN ASTURIAS

Tomando en consideración estes e outros problemas similares por todo o mundo, o rexeitamento das comunidades ante a situación provocada pola grandes transnacionais mineiras só pode considerarse como un acto de sentido común, actitude da que en máis ocasións das que serían desexables parece carecer unha parte do espectro político.

Neste sentido, como explicar que na mesma Asturias que soporta estes desmandos ambientais Belén Fernández (PSOE), actual Conselleira de Fomento, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente pareza empeñada en defender unha e outra vez o proxecto doutra mineira canadense -neste caso Asturgold- para extraer ouro en Salave? Custa comprender esta postura cando agora hai un ano o Secretario Xeral do mesmo partido en Galicia referiuse ao proxecto aurífero de Corcoesto como "unha auténtica barbaridade en termos ambientais e de saúde humana".

Por aquel entón o PSdG, ao igual que antes o fixera con rotundidade toda a oposición parlamentaria galega, deixou claro o seu interese en que a xente puidese encontrar un traballo digno, pero subliñando que "ninguén que queira a Galicia pode antepoñer o emprego sobre o futuro, a saúde, o territorio ou o medio ambiente". Como confiar nun executivo -neste caso o asturiano-, que defende os intereses dunha empresa foránea e parece obviar sistematicamente o rexeitamento social e as consecuencias ambientais?.

(14.5.2014)