Saltar ao contido principal

O Mapa de Patrimonio Mineiro, un "lavado de imaxe" para o sector extractivista en Galicia

Salvemos Cabana considera que tanto o proxecto Atlanterra como a rede Green Mines, impulsores da publicación, forman parte dunha estratexia de marketing financiada con fondos estruturais comunitarios e apoiada polo lobby europeo da Gran Minaría (Euromines) que nalgúns casos pode servir para lexitimar a nivel da UE as aberracións ambientais cometidas polas industrias extractivas.

Imaxe dun dos mapas incluídos na publicación do IGME
O "Mapa del Patrimonio Minero de Galicia", coordinado polo Instituto Geológico y Mineiro de España (IGME) e financiado con fondos FEDER, ten o obxectivo, en teoría, de "aproveitar o patrimonio das áreas mineiras abandonadas para contribuír ao seu desenvolvemento socioeconómico" a través "da promoción do turismo cultural e de natureza (xeoturismo), a divulgación da cultura e tradicións asociadas ás actividades mineiras, e a xestión sostible deste patrimonio histórico-cultural e natural".

Sen embargo, os fins sobre o papel contrastan coa realidade dun mapa que considera un "patrimonio" auténticos desastres ocasionados pola industria mineira en zonas de Galicia como a Comarca de Valdeorras, a mina de Touro ou o Monte Neme -entre outros-.

UNHA PATENTE DE CORSO PARA O SECTOR DA GRAN MINARÍA EN EUROPA

Atlanterra (2010-2012) é un proxecto entre rexións atlánticas europeas que inclúe un total de dez membros entre organismos gobernamentais, administracións locais e organizacións relacionadas co sector mineiro de Irlanda, Gales, Francia e Portugal, establecidas actualmente nunha rede denominada Green Mines.

Aínda que entre as súas actividades inclúense propostas de notable interese como a investigación de antigos xacementos romanos relacionados coa actividade mineira en Galicia, Atlanterra está a servir de caixón de xastre para lexitimar todo tipo de proxectos causantes de efectos desvastadores sobre o medio ambiente das zonas implicadas.

Atlanterra parte do concepto erróneo da denominada "paisaxe mineira". A explotación mineira transforma a paisaxe natural en "paisaxe industrial", e tras o seu peche na denominada "paisaxe cultural", ideas referendadas na propia páxina web de Euromines, todopoderoso lobby europeo do sector, que recolle que ademais, o concepto de "Patrimonio Mineiro" ofrece "a oportunidade para unha ampla gama de experiencias educativas para as escolas, institucións de educación superior e o público", pois os depósitos mineiros aportan "a posibilidade dunha maior conciencia pública e o respecto pola industria mineira e os seus procesos", sen dúbida unha extensa cadea de eufemismos que poden servir para ocultar as graves consecuencias que a miúdo acompañan á actividade das industrias extractivas.

Así, na publicación do "Mapa del Patrimonio Minero de Galicia" inclúese como exemplo unha referencia directa á situación causada polo sector louseiro en Ourense afirmando que "a mestura de zonas abandonadas de explotación de lousa con canteiras en actividade, constitúen paisaxes mineiras de ladeiras descarnadas", obviando que na Comarca de Valdeorras uns 30 quilómetros cadrados da Serra do Eixo convertéronse debido á actividade mineira en descomunais entulleiras que superan os 400 metros de altura, secando e contaminando con metais pesados varias decenas de quilómetros de tres afluentes do Sil (San Xil, Valborraz e Casaio) e que a zona non admite ningún tipo de restauración posible, co que o lema da rede Green Mines de "xestión ambiental sostible dos espazos degradados pola actividade mineira" non deixa de ser unha falacia e un mero lema propagandístico a favor da industria.

(5.5.2014)