Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana denuncia en Europa o Plan Director da Rede Natura 2000 aprobado pola Xunta de Galicia

A Plataforma considera que o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, que inclúe a aprobación deste, vulnera en parte do seu articulado as principais disposicións legais establecidas polo dereito comunitario no ámbito dos espazos naturais protexidos sendo claramente incompatible co Programa Xeral de Acción en materia de Medio Ambiente ata 2020, cuxo primeiro obxectivo declarado é o de "protexer, conservar e mellorar o capital natural da Unión".

Esteiro do río Anllóns, zona integrada na Red Natura 2000
A NORMATIVA SECTORIAL AUTONÓMICA NON PODE PRIMAR SOBRE O LEXISLADO NAS DIRECTIVAS EUROPEAS

Aínda que o documento aprobado recolle no seu artigo 23 que a Rede Natura "considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas actividades e aproveitamentos mineiros a ceo aberto", sinala que "con carácter excepcional poderanse autorizar novas actividades extractivas a ceo aberto" naquelas zonas protexidas a nivel europeo "que sexan identificadas como zonas con potencial mineiro polo Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia, definido ao abeiro do artigo 11 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, ou que queden incluídas nun concello mineiro declarado ao abeiro do artigo 45 da Lei 3/2008, do 23 de maio". Ademais, permítese a repotenciación de parques eólicos, a ampliación de centrais hidroeléctricas ou a instalación de novos aproveitamentos de produción de enerxía eléctrica renovable que estean incluídos "no Plan Enerxético de Galicia vixente" e cuxa viabilidade está condicionada polo disposto "na normativa sectorial correspondente".

O artigo 55, respectivamente, sinala que se permitirá a instalación de actividades de acuicultura e instalación de explotacións acuícolas en plena Rede Natura, incorporando "os criterios, principios e normas establecidos no Plan Director de Acuicultura, adaptándose en todo momento á normativa sectorial vixente".

Ademais da minaría e a acuicultura, o articulado tamén abre as portas a outras actividades de alto impacto ambiental como as concentracións parcelarias, que poden derivar en monocultivos forestais ou o aumento da edificabilidade mesmo nas áreas de maior nivel de protección

A formulación efectuada pola Xunta contradí a lexislación europea aplicable á propia Rede Natura 2000, principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea cuxa finalidade por definición é "asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os tipos de hábitat en Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade".

Nas actuais circunstancias, o Plan Director recollido no Decreto 37/2014 vulnera a Directiva 92/43/CEE (relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres), a Directiva 2000/60/CE (pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito de política de augas), a Directiva 2008/56/CE (pola que se establece un marco de acción comunitaria para a política do medio mariño), a Directiva 2008/99/CE (relativa á protección do medio e o dereito penal), a Directiva 2009/147/CE (sobre a conservación das aves silvestres) e a Directiva 2011/92/UE (relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente).

O PLAN DIRECTOR DA REDE NATURA NON É COMPATIBLE CO VII PMA DA COMISIÓN EUROPEA

Na mesma liña, o Plan Director aprobado pola Xunta é claramente incompatible co Programa Xeral de Acción en materia de Medio Ambiente ata 2020 (VII PMA), cuxo primeiro obxectivo é "protexer, conservar e mellorar o capital natural da Uníón", pois "a UE segue perdendo biodiversidade e moitos dos seus ecosistemas están seriamente degradados".

A propias autoridades comunitarias sinalan que "o PMA materializa o compromiso da UE, as autoridades nacionais e as partes interesadas de acelerar os avances nos obxectivos da Estratexia sobre a Biodiversidade ata 2020 e o Plan para salvagardar os recursos hídricos de Europa", debido aos "servizos esenciais" que a natureza presta ás sociedades humanas.

DENUNCIA EN EUROPA

Por iso, Salvemos Cabana denunciou esta situación ante a Secretaría Xeral da Comisión Europea por incumprimento do dereito comunitario, pois nas actuais circunstancias fará vulnerables zonas de Galicia ata agora protexidas, dado que pode afectar potencialmente a un total de 59 Zonas de Especial Conservación (ZEC) e a 16 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Cabe preguntarse, finalmente, cal é o concepto de protección da natureza que a nivel europeo defende o Partido Popular de Galicia ante a ofensiva extractivista e de explotación intensiva dos bens comúns que en esencia é a raiz da dramática crise ambiental, económica e social que estamos a presenciar.

(19.5.2014)