Saltar ao contido principal

A antiga actividade da mina de Touro devasta o ecosistema no río Portapego

Salvemos Cabana envía un novo informe á Oficina del Defensor del Pueblo acerca dos efectos adversos que a explotación, actualmente abandonada como proxecto metalífero, está a ter neste curso fluvial que atravesa a capital do municipio, Fonte Díaz, en contraste co saneamento anunciado coincidindo coa inauguración dun paseo en cuxas tarefas e suposta rehabilitación ambiental da canle invertíronse un total de 120.000 euros no ano 2010.

Río Portapego ao seu paso por Fonte Díaz
Así, un pequeno río en tempos troiteiro converteuse nun ecosistema devastado e a todas luces irrecuperable debido ás consecuencias da falta dun control significativo por parte das distintas administracións implicadas sobre as tarefas extractivas realizadas ata 1988 pola mineira Río Tinto, que tras obter durante anos un concentrado polimetálico de cobre con pequenas cantidades de ouro abandonou á intemperie entulleiras e curtas suxeitas a meteorización ambiental.

Isto derivou nun grave episodio de formación de augas e solos hiperácidos e hiperoxidantes, contaminando sen remedio os recursos hídricos da zona ao activar toda a problemática asociada á Drenaxe Ácida de Mina (DAM), que converte ás augas de escorrentía afectadas en axentes tóxicos que mobilizan metais pesados e poden provocar un incremento dos niveis de elementos como o aluminio e outros compostos potencialmente perigosos para a saúde.

FALTA DE MEDIDAS DE SEGURIDADE NA BALSA MINEIRA SITUADA NA VERTENTE DE FONTE DÍAZ

Doutra banda, como xa se alertou no seu momento ao Alto Comisionado, a balsa de residuos tóxicos situada a carón da vía de entrada á capital municipal segue carente das máis elementais medidas de seguridade ao carecer dun peche eficiente do perímetro, o que posibilita o acceso a esta de calquera persoa co risco de accidente que isto leva consigo. Na mesma liña, constátase a nula existencia de sinalización que advirta do perigo de acceso á explotación mineira, polo que novamente se trasladou queixa ao Defensor del Pueblo a este respecto.

Os test de pH realizados dende a asociación na contorna da balsa, con niveis en torno a 3, indican a presenza de augas hiperácidas, o que nestas condicións aumenta a toxicidade destas debido a que favorecen a solubilización de metais ou metaloides disoltos e elevadas concentracións de ións complexos, afectando mesmo aos niveis de pH dos solos cos que entran en contacto, acidificándoos e incrementando a súa biodisponibilidade de metais pesados.

UN LEGADO AMBIENTAL INASUMIBLE

Á vista dos feitos, a asociación reafírmase novamente en que os incumprimentos lexislativos observados constitúen un legado ambiental inasumible entre a aparente pasividade das autoridades da Xunta.

A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, indica no seu artigo 46.1 que "corresponde á Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de minas, realizar as comprobacións necesarias", así como garantir "o cumprimento da normativa mineira aplicable" e a adopción de medidas preventivas.

Normativas europeas esenciais, como a Directiva 20/60/CE, de Protección e Xestión da Auga perseguen "unha maior protección e mellora do medio acuático" mediante a supresión de verteduras e substancias perigosas e un "bo estado químico" do recurso hídrico e na mesma liña, a Directiva 2004/35/CE, de Responsabilidade Ambiental, establece un marco común de responsabilidade co fin de previr e reparar os danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos, que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana.

Por iso, cabe preguntarse unha vez máis cal é o concepto de 'minaría sostible' ao que reiteradamente apelan tanto a actual administración autonómica coma a Cámara Oficial Mineira e cal está a ser a consideración real por parte das autoridades galegas da saúde humana e o respecto ao medio ambiente.

(1.7.2014)