Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana considera lamentable o legado político de Agustín Hernández á fronte da Consellería de Medio Ambiente

O madrileño, incorporado á alcaldía tras os últimos escándalos de corrupción no Goberno municipal de Santiago de Compostela, será recordado polas súas polémicas decisións á fronte da CMATI, como a autorización ambiental do proxecto mineiro de Corcoesto, a aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000 ou a cuestionable xestión dos espazos naturais protexidos e o problema dos incendios forestais en Galicia.

Así, en decembro de 2012, a CMATI aprobou co visto e prace do ex-conselleiro a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto mineiro de Corcoesto -xa cancelado pola Xunta-, sostendo que os requisitos incluídos no documento servirían para "salvagardar" os valores naturais do río Anllóns "de posibles afeccións" da actividade mineira, obviando tanto as alegacións presentadas por veciños e entidades ecoloxistas coma as numerosas alertas que chegaban dende o ámbito científico sobre os riscos de instalar un megaproxecto a ceo aberto nunha zona ambientalmente sensible coma a Comarca de Bergantiños.

O mandato de Hernández trae á memoria, ademais, os numerosos erros cometidos na política de conservación dos espazos naturais en Galicia, sobre o non aumento da superficie protexida ou na xestión do problema dos incendios forestais, de xeito especial nos acontecidos nas Fragas do Eume en 2012 ou o pasado ano no Monte Pindo cuxa devastación superou, respectivamente, as 750 e as 2000 hectáreas.

Sen embargo, a contribución máis criticada do ex-conselleiro ao medio ambiente da comunidade autónoma foi a aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000 tras a publicación oficial do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, que na práctica supón a desprotección efectiva do territorio ao introducir no seu artículado a posibilidade de incluír en zonas protexidas a nivel europeo novas actividades extractivas a ceo aberto, a repotenciación de parques eólicos, a ampliación de centrais hidroeléctricas ou a instalación de explotacións acuícolas, contradicindo de xeito flagrante a lexislación europea aplicable á propia Rede Natura 2000, principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea cuxa finalidade é "asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e tipos de hábitat, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade".

Por todo iso, a plataforma considera que a elección de Agustín Hernández é a peor das opcións posibles para rexer os destinos da capital galega, pois dificilmente poida encontrarse un político na historia recente de Galicia que fose socialmente máis cuestionado -e contestado- nas súas actuacións públicas.

(10.6.2014)