Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana esixe que se depuren responsabilidades no IGAPE tras a información publicada por AGE sobre a relación do director do organismo con Mineira de Corcoesto

A Plataforma considera que de confirmarse os feitos denunciados polo Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Javier Aguilera, á fronte do Instituto Galego de Promoción Económica, debe ser cesado de xeito fulminante dende a Consellería de Economía e Industria ante a gravidade das acusacións.

Os acontecementos, que derivan do recurso potestativo de reposición presentado por Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater ante a paralización do seu proxecto de minaría a ceo aberto na parroquia cabanesa de Corcoesto, quedan patentes no documento publicado por AGE, no que o director do IGAPE tería avalado durante unha cea a iniciativa ante os investidores de Edgewater sen ter coñecemento ningún do proxecto.

Tal como denunciou públicamente o deputado Antón Sánchez, Javier Aguilera tería actuado "de xeito totalmente irregular dentro dun procedemento administrativo", recoñecendo "contactos e compromisos coa propia multinacional á marxe da máis mínima ética", o que mesmo podería ter consideración de infracción sancionable a nivel penal.

Como axencia adscrita á Consellería de Economía e Industria para o desenvolvemento económico de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ten entre os seus obxectivos apoiar todas aquelas actividades "que contribúan a mellorar o sistena produtivo galego, facilitando os procesos de creación, consolidación e crecemento empresarial" pero non a calquera prezo, nin moito menos sen ningún tipo de control, de xeito especial no caso do persoal encargado da súa xestión.

Por todo iso, e ante estes feitos tan graves a asociación considera que a Xunta de Galicia debe de abrir con urxencia unha investigación sobre o particular e depurar responsabilidades de xeito inmediato, tanto na propia axencia coma entre o persoal encargado do control desta dentro da Consellería de Economía e Industria.

Dende Salvemos Cabana, tan só cabe facer público o seu contundente rexeitamento a este tipo de actitudes cando se producen e se confirman, que lonxe de considerar o lexítimo exercicio do público, poñen de manifesto a absoluta falta de respecto por parte de determinados responsables ás institucións democráticas e o seu normal funcionamento ao atentar contra as regras do xogo que deben respectar todos os actores no proceso.

(12.6.2014)