Saltar ao contido principal

O debate sobre a reforma da lei mineira chegará ao Parlamento de Galicia en setembro

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) impulsa unha Proposición de Lei que recolle e amplía a proposta presentada por Salvemos Cabana en setembro 2013 para reformar en profundidade a Lei 3/2008 do 22 de maio, de Ordenación da Minaría de Galicia.

A Plataforma recibiu confirmación de que a iniciativa parlamentaria, rexistrada en maio deste ano, situará na esfera pública o debate sobre a Lei 3/2008 a inicios do novo curso político, o que supón, tras a cancelación do proxecto mineiro de Corcoesto, un fito fundamental para todas as persoas e colectivos sociais que dende hai dous anos están a loitar contra a irracionalidade favorecida pola normativa actualmente en vigor, tanto na Comarca de Bergantiños coma noutras zonas de Galicia.

Malia que a Lei de Ordenación da Minaría de Galicia naceu coa finalidade de "dispoñer dun marco coherente e actualizado" ante unha norma preconstitucional como a Lei de Minas de 1973, a realidade é que esta adoece de importantes defectos de forma e numerosas incongruencias que foron aproveitadas dende a administración autonómica do Partido Popular para favorecer tanto a súa liña ideolóxica como proxectos afíns a nivel empresarial.

Tal como sinala a iniciativa rexistrada por AGE, e no seu momento propuxo Salvemos Cabana en contra do ditado pola Lei 3/2008, "a minaría non pode ser en ningún caso considerada sustentábel, dado que son actividades non perdurábeis no tempo pois a explotación do recurso supón o seu esgotamento", ao que engade moi acertadamente que é necesario un uso alternativo dos recursos naturais "que sexa netamente sostíbel e socialmente admisíbel", en relación ao levantamento popular e cidadán en Galicia "contra determinados proxectos mineiros en particular e contra o modelo da megaminaría en xeral".

Doutra banda, incide tamén en que é fundamental incluír nesta modificación "a obrigatoriedade e urxencia da creación do Consello da Minaría como organismo de control e regulación de calquera actividade mineira desenvolvida en Galicia", entre cuxos fins se encontraría o "propoñer medidas para o desenvolvemento dunha política mineira que reduza os seus impactos negativos nos eidos social e ambiental".

Na mesma liña o documento tampouco deixa de lado o Plan Sectorial de Actividades Extractivas, de incidencia supramunicipal, ante o que non consideran acreditado que "un plan que dá lugar a unha agresión ambiental e social como o que representa unha mina poida pasar por enriba do plan urbanístico dos concellos afectados sen un consenso previo con eles nin coa cidadanía a través dunha consulta aberta tras un procedemento público, transparente e vinculante".

Por iso, Salvemos Cabana celebra a actuación levada a cabo polo Grupo Parlamentario de AGE "para loitar por un modelo alternativo" que está a reclamar a maior parte da cidadanía e coa finalidade de evitar novos conflitos xerados por proxectos irracionais como o de Corcoesto. Unha normativa na que, en definitiva, sexa de maior rango o respecto ao medio ambiente e aos usos tradicionais do territorio, e que abandone definitivamente o concepto de "minaría sostible" para pasar a falar de "minaría razoable" no aproveitamento dos recursos do subsolo.

(10.7.2014)