Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana solidarízase coa poboación afectada pola minaría do ouro no norte de Grecia

Con motivo da Xornada Internacional de Resistencia Pacífica e a celebración o 22 de xullo do Día Mundial contra a Megaminaría a Plataforma denuncia a situación que atravesan as comunidades enfrontadas á transnacional canadense Eldorado Gold no nordés da rexión de Calcídica (Macedonia), onde máis de 300 persoas foron procesadas xudicialmente pola súa oposición ao proxecto mineiro de Skouries, que ameaza os recursos hídricos da zona e un dos bosques máis antigos e mellor conservados do país.

A LOITA CONTRA O OURO EN CALCÍDICA

Área do Grupo Mineiro 'Casandra' en Calcídica
En decembro de 1995, as autoridades gregas transferiron á empresa TVX Hellas -filial da canadense TVX Gold- os dereitos de explotación das minas de ouro e outros metais en Calcídica, alertando a poboación local ante o que podería supoñer a utilización de cianuro e outros tóxicos na recuperación do mineral, que apelaron á mobilización social e ao Tribunal Supremo para paralizar as operacións da compañía.

Desolación causada pola minaría no norte de Grecia
En maio de de 2003 TVX Hellas caeu en bancarrota porque o Tribunal Supremo anulou os seus proxectos debido á ilegalidade dos permisos. En decembro dese mesmo ano, o Estado fíxose cargo das minas de TVX por unha suma total de 11 millóns de euros, revendéndollos ao mesmo prezo e sen mediar concurso público alguro a Hellas Gold, á que exonerou de calquera responsabilidade ambiental previa. En 2012, a canadense Eldorado Gold, actual propietaria, fíxose co control dos dereitos mineiros ao adquirir un 95% das participacións, deixando o 5% restante en mans da principal construtora grega, Aktor S.A.

A Comisión Europea investigou, sen embargo, a cuestionable lóxica do acordo que levou aos gobernantes gregos a vender por 11 millóns uns activos totais de mineral valorados en máis de 15.500 millóns de euros e ditaminou en 2011 que a venda se levou a cabo sen licitación pública nin unha valoración dos activos das minas por un taxador independente, polo que a transacción supuxo unha violación das leis europeas.

A CRIMINALIZACIÓN DO MOVEMENTO SOCIAL

A represión policial é constante nas poboacións da contorna mineira
 Tras dúas décadas de loita, a tensión en torno ao conflito mineiro chegou ao seu punto culminante en febreiro de 2013, cando foron atacadas
as oficinas e o parque móbil de Eldorado Gold sucumbiu ás lapas. A policía respondeu entón cunha onda de represión sen precedentes nas aldeas próximas, incluíndo redadas nocturnas en vivendas familiares, toma ilegal de mostras de ADN e a imputación a varios centenares de persoas por suposta pertenza a organización criminal, provocando a reacción inmediata de numerosos deputados nacionais gregos e a ONG Amnistía Internacional, que pediu ás autoridades un exame "urxente, imparcial e efectivo" sobre as denuncias de violacións de Dereitos Humanos efectuadas por parte da poboación. Decenas de miles de persoas manifestáronse pacificamente nas marchas populares organizadas contra a actuación das autoridades e en defensa da saúde e o medio ambiente.

ESTADO DE EMERXENCIA NO BOSQUE DE SKOURIES

Eldorado Gold condena ao bosque de Skouries á súa desaparición
Aínda que a mineira Eldorado Gold anunciou en xullo de 2013 que debido á caída do prezo do ouro a compañía atrasaba o inicio de operacións a 2016 ou 2017, o proxecto de Skouries atópase actualmente en desenvolvemento, e un bosque milenario está a ser arrasado. Eldorado Gold removerá 380 millóns de toneladas de estériles durante a vida útil de da mina, multiplicando por dez a cantidade de material extraida na rexión nos últimos dous mil anos, e con consecuencias imprevisibles a nivel ambiental.

En Calcídica, a maioría da poboación depende do sector primario, a través de actividades tradicionais como a agricultura, a apicultura. a silvicultura ou a pesca e un puxante sector turístico, actividade que na peor crise da historia grega está a ser o único motor de crecemento que se mostrou verdadeiramente eficaz. Por iso o proxecto de Skouries hipoteca o presente e o futuro das comunidades.

22 DE XULLO, DÍA MUNDIAL CONTRA A MEGAMINARÍA

Un ano máis, miles de persoas e decenas de comunidades en todo o mundo unirán as súas voces na Xornada Internacional de Resistencia Pacífica contra a minaría contaminante a ceo aberto, unha actividade que remove a capa superficial do terreo para facer accesibles grandes cantidades de mineral de baixa lei, permitindo a explotación duns poucos gramos de mineral por tonelada de material procesado.

Os proxectos megamineiros utilizan inmensas cantidades de auga potable e substancias químicas de elevada toxicidade, levan consigo graves impactos durante todo o seu ciclo produtivo e supoñen un prexuízo a nivel social e ambiental, polos riscos que entrañan para a saúde humana e a contorna natural.

(22.7.2014)