Saltar ao contido principal

A actividade mineira de Cementos Cosmos en Triacastela pon en perigo a conservación do maior santuario rupestre de Galicia

Salvemos Cabana considera un despropósito que tras décadas de actividade irregular as distintas administracións avalen a actuación desta empresa cando entre outros factores a actividade extractiva está poñendo en serio perigo o xacemento arqueolóxico de Cova Eirós, un enclave único que conserva as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítica do noroeste peninsular.

Xacemento arqueolóxico de Cova Eirós
Non se comprende como unha explotación tan polémica como a de Cementos Cosmos pode continuar sen cumprir pola vía ordinaria cos trámites de avaliación ambiental como tivese sido preceptivo e facendo gala dun desprezo manifesto das numerosas queixas presentadas durante anos por colectivos e particulares, que denunciaron reiteradamente as afeccións negativas desta explotación non só a nivel do ámbito senón tamén sobre o abundante patrimonio arqueolóxico da zona.

Calco dun dos gravados de Cova Eirós
Neste sentido, Cova Eirós alberga no seu interior as únicas mostras de arte rupestre paleolítica de Galicia, con motivos gravados e pintados que segundo os investigadores poderían superar os 30.000 anos de antigüidade e cobren un baleiro importante para afondar no coñecemento da prehistoria do noroeste peninsular.

Doutra banda, no xacemento documentáronse en distintas campañas arqueolóxicas a presenza de especies humanas de entre fai 118.000 e 4.700 anos antes do presente razón que converte a Cova Eirós nun lugar único porque permite afondar no estudo dos costumes tanto do Homo neandertalensis, na súa etapa máis antiga, como do Homo sapiens, na máis recente.

A ACTIVIDADE MINEIRA NON É COMPATIBLE COA CONSERVACIÓN DE COVA EIRÓS E OUTROS XACEMENTOS

Localización de Cova Eirós na explotación mineira
Malia a súa singularidade e importancia, Cova Eirós -entre outros enclaves arqueolóxicos da zona- está seriamente ameazada pola actividade de Cementos Cosmos, que xa provocou graves danos pola proximidade da actividade extractiva, tanto polo uso de explosivos que deteriorou a integridade da cova como orixinando alteracións na capa protectora do terreo e do nivel freático, o que derivou nun aumento dos niveis de humidade, moi prexudiciais para a conservación das pinturas rupestres.

A NECESARIA REFORMA DA LEI MINEIRA DE GALICIA

Unha vez máis, o caso de Cosmos en Triacastela recorda a urxencia de acometer unha reforma profunda da Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría de Galicia, a prol da conservación do patrimonio natural e cultural e sobre todo do respecto á legalidade vixente, introducindo mecanismos que preveñan os abusos das industrias extractivas. En determinados casos, a minaría pode ser unha actividade necesaria, pero non a calquera prezo e sen un control público que favoreza a protección do ámbito natural e sociocultural das comunidades que o habitan.

(2.8.2014)