Saltar ao contido principal

A rotura dunha balsa nunha mina de ouro mexicana provoca unha vertedura tóxica de dous millóns de litros de augas residuais cianuradas

Segundo informou a Procuraduría Federal de Protección del Ambiente (PROFEPA) o suceso ocorreu o domingo 10 de agosto tras unha noite de choivas intensas nas instalacións da empresa Proyecto Magistral no municipio de El Oro (Estado de Durango).

Instalacións da mina Proyecto Magistral, en El Oro (México)

O derramo, estimado nuns 2.000 metros cúbicos, chegou a zonas de abastecemento gandeiro do rego A Cruz e o río Magistral, e as autoridades ordenaron tras o desastre ambiental medidas de aplicación urxente, como a análise do nivel de toxicidade das augas da vertedura e as contidas na balsa minera, a colocación dunha xeomembrana en todo o perímetro afectado, a reconstrución e aseguramiento inmediatos do dique de contención e a elaboración por parte da empresa dunha proposta técnica para previr posibles urxencias sobre a saúde pública e o medio ambiente.

O PASADO DÍA 8 A ROTURA DOUTRA BALSA MINERA NO ESTADO DE SONORA PROVOCOU RESTRICIÓNS NA SUBMINISTRACIÓN DE AUGA POTABLE A UN MILLÓN DE PERSOAS

Agosto ven de ser un mes aciago para a actividade minera en México, porque se dá a circunstancia de que o pasado venres un accidente a gran escala na mina Buenavista del Cobre na localidade de Cananea derivou noutra vertedura de corenta millóns de litros de ácido sulfúrico e outros residuos ao río Bacanuchi, afluente do Sonora, percorrendo os municipios de Arizpe, Banamichi, Baviacora, Aconchi, Cananea, Ures e Hermosillo (capital do Estado) e provocando a aparición de peces e gando morto nas beiras de ambas canles fluviais.

César Lagarda, delegado estatal da Comisión Nacional do Auga (CONAGUA), informou da presenza de metais pesados no vertido perigosos para a saúde humana e o medio ambiente. Ademais, fixo referencia á gravidade da situación orixinada nesta mina do Grupo México pois a empresa ocultou o suceso e agora terá que facer fronte a unha sanción económica exemplar e facerse cargo dos gastos ocasionados aos distintos estamentos do Goberno mexicano que traballaron para conter os efectos do accidente.

A PROFEPA suspendeu temporalmente as actividades da explotación minera ata que se leve a cabo unha investigación independente. Doutra banda, a Comisión Nacional de Derechos Humanos de México anunciou unha investigación polo efecto da vertedura sobre a poboación das zonas afectadas.

OS CONCEPTOS DE "MINERÍA RESPONSABLE" E "MINERÍA SOSTENIBLE" NON SE CORRESPONDEN COA REALIDADE MÁIS EVIDENTE

Estes e outros accidentes, como a catástrofe ambiental sucedida na mina Mount Polley, na Columbia Británica canadense o 5 de agosto, cando rebentou outra balsa minera e un aluvión de máis de cinco millóns de metros cúbicos de lodos tóxicos inundou todo ao seu paso, recordan que pese ás boas palabras e os programas de responsabilidade social corporativa e marketing das grandes empresas do sector, non se pode garantir a seguridade nos proxectos megamineros e que ante estes feitos, por desgraza cada vez máis frecuentes, os conceptos de "minería responsable" e "minería sostenible" convértense en papel mollado.

Proxectos como o defendido por Edgewater Exploration para extraer ouro na parroquia coruñesa de Corcoesto (Cabana), convértense así en inviables, sobre todo en zonas tan ambientalmente sensibles como Bergantiños, cuxo motor fundamental é o sector primario do que dependen miles de postos de traballo que supoñen o sostén económico e social de toda a bisbarra.

Como reiteradamente ven de comentarse dende movementos sociais como Salvemos Cabana, a minaría en casos concretos pode ser unha actividade necesaria, pero non a calquera prezo e sen un rigoroso control por parte das administracións públicas que favoreza a protección do ámbito natural e sociocultural das comunidades afectadas pola actividade extractiva.

(15.8.2014)