Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana considera ineficaces as medidas propostas por Cementos Cosmos para paliar os efectos da súa actividade mineira en Triacastela

A actividade extractiva na canteira de Vilavella prexudica seriamente a conservación do xacemento arqueolóxico  de Cova Eirós e orixina un grave impacto visual nun dos tramos máis espectaculares de todo o Camiño de Santiago, protexido pola Rede Natura 2000 e incluído dentro do LIC Ancares-Courel.

Imaxe da canteira de Vilavella dende o Camiño de Santiago

A cementeira plantexa agora deixar un macizo de protección de 50 metros de rocha ao redor da cova sen explotar coa intención de continuar a súa actividade, incluíndo a realización de voaduras, supoñendo que isto non vai ter un efecto significativo sobre a integridade no santuario rupestre de Cova Eirós.

Ao respecto convén recordar que os problemas de conservación que actualmente ten o xacemento derivan da actividade minera preexistente e de non ter implementado no seu momento medidas o suficientemente eficaces para paliar os danos. A cova é o resultado dun proceso kárstico nunha contorna de rocha caliza, cuxo pH básico permitiu no seu momento a excelente conservación de materiais orgánicos que chegou ata os noso días, algo pouco frecuente en Galicia.

A total eliminación do terreo por parte de Cementos Cosmos sobre o teito do enclave -pois aproximadamente dúas terceiras partes da cova atópanse baixo a canteira-, derivou na afectación directa á mesma debido ao incremento da filtración, provocando un cambio nas condicións de humidade e polo tanto todos os problemas que imposibilitan a conservación efectiva do yacimiento, en especial das súas pinturas rupestres.
 
Pretender agora un 'borrón e conta nova' como fai a filial de Votorantim, tras alterar de xeito irreparable as condicións da contorna, e que unhas decenas de metros de separación van permitir que non se afecte á integridade de Cova Eirós, é tan só un acto de cinismo cando a realidade é que a súa tarefa extractiva dificultou considerablemente a conservación deste yacimiento de primeiro nivel, auténtica 'catedral' do Paleolítico galego e ata nos informes de Patrimonio que valoran a autorización a Cosmos advírtese que a proximidade da actividade minera "supón un alto risco para a conservación do xacemento debido ao uso de explosivos".

A ACTIVIDADE DE COSMOS NON É COMPATIBLE COA PROTECCIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Doutra banda, aínda que a filial de Votorantim asegura que a súa actividade non invadiu terreos relativos á área de protección do Camiño de Santiago nin o vai facer sen autorización, o certo é que o impacto visual sobre este tramo da Ruta Xacobea, un dos máis espectaculares de todo o itinerario, é innegable e prexudica ao prestixio e os intereses da poboación de Triacastela e a súa área de influencia.

Hai que recordar que o propio Comite Asesor do Camiño de Santiago, órgano consultivo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia alertou de que a operación extractiva a gran escala ao descuberto, ten "unha evidente presenza visual nun considerable tramo do Camiño Francés" e que as tarefas mineras son en sí mesmas incompatibles coa protección do territorio histórico ao afectar á conservación dos valores culturais do Camiño de Santiago "nas condicións nas que están descritos".

O PECHE DE OPERACIÓNS, A ÚNICA OPCIÓN VIABLE NO CONFLITO DE TRIACASTELA

Polo anteriormente exposto, a opción máis razoable é a cancelación da licenza de autorización á actividade extractiva, o peche de operacións na canteira de Vilavella e unha restauración eficiente da contorna que posibilite, si non ben a súa completa restitución ao estado orixinal -algo que xa resulta imposible-, minimizar os danos que décadas de actividade minera provocaron na zona.

Ao longo da historia, a ocupación humana dos mesmos espazos posibilitou un patrimonio da memoria colectiva, un beneficio para as comunidades que ten un carácter finito e non renovable e que por iso debe ser conservado polo interese da sociedade no seu conxunto. No caso de Triacastela, ademais, non soamente por motivos culturais, senón porque tamén se trata do seu principal activo a nivel económico.

(22.8.2014)