Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana critica a dobre moral da alcaldesa de Triacastela no referente ao xacemento arqueolóxico de Cova Eirós

Para a Plataforma resulta lamentable a actitude da rexedora popular Olga Iglesias ao reclamar un Museo da Prehistoria na contorna da cova mentras o concello que dirixe acaba de autorizar as labores mineiras de Cementos Cosmos na canteira de Vilavella, ameazando a supervivencia deste enclave de primeiro orde, fundamental para o estudo e compresión do Paleolítico no noroeste peninsular.

Excavacións no xacemento arqueolóxico de Cova Eirós

Aínda que a alcaldesa considera en público a cova como un "filón" que hai que protexer, a realidade é que a actividade extractiva de Cosmos ven de ter unha incidencia moi negativa en Cova Eirós, tanto polo uso de explosivos que xa deterioraron a integridade do recinto, como ao eliminar a capa protectora do terreo, provocando alteracións do nivel freático e derivando no aumento dos niveis de humidade, moi perxudiciais para a conservación das pinturas rupestres que atesoura o xacemento e que rondan o centenar.

No expediente ao que tivo acceso a Plataforma sobre a autorización a Cementos Cosmos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recoñece que Cova Eirós "é un xacemento chave" no noroeste da Península Ibérica "para a investigación da tecnoloxía e das estratexias de subsistencia das comunidades de Homo sapiens neanderthalensis e Homo sapiens sapiens que viviron nesta paraxe no período prehistórico do Paleolítico".

A AUTORIZACIÓN ADMINISTRATIVA, UN DESPROPÓSITO

Debido a isto, e como xa fixo constar en datas recentes, Salvemos Cabana considera un completo despropósito que tras décadas de actividade irregular tanto o Concello de Triacastela como os distintos organismos dependentes da Xunta avalen sen reparos a actuación desta empresa. Neste sentido, resulta moi difícil comprender como unha explotación tan polémica como a realizada na canteira de Vilavella pode reanudarse sen a realización de nengún trámite de avaliación de impacto e sen garantir previamente a protección dos valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais da zona. 

A URXENCIA DA REFORMA DA LEI MINEIRA DE GALICIA

Unha vez máis, o caso de Cosmos en Triacastela recorda a urxencia de acometer unha reforma profunda da Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría de Galicia, a prol da conservación do patrimonio natural e cultural e sobre todo do respecto á legalidade vixente, introducindo mecanismos que preveñan os abusos das industrias extractivas. En determinados casos, a minaría pode ser unha actividade necesaria, pero non a calquera prezo e sen un control público que favoreza a protección do ámbito natural e sociocultural das comunidades que o habitan.

(14.8.2014)