Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana denuncia ante o Consello de Europa os efectos da autorización administrativa á actividade minera de Cementos Cosmos

A Plataforma considera que a aprobación da licenza en Triacastela vulnera o establecido tanto no Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico como no Convenio Europeo da Paisaxe, ambos impulsados polo organismo continental e ratificados polo Goberno español.

De feito, a actividade extractiva prexudica seriamente a conservación do principal xacemento prehistórico de Galicia, Cova Eirós, e ata os informes que valoran a autorización advirten de que a proximidade da actividade minera "supón un alto risco para a conservación do xacemento debido ao uso de explosivos" co que as medidas propostas pola compañía (50 metros de separación ao redor da cova) de pouco serven na práctica cando dúas terceiras partes da mesma están en terreos da concesión e por baixo da canteira. Respecto diso convén recordar que os problemas de conservación que actualmente ten o xacemento derivan da actividade minera preexistente e de non ter implementado no seu momento medidas o suficientemente eficaces para paliar os danos.

INCUMPLIMENTO DO CONVENIO EUROPEO PARA A PROTECCIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

Aparte da declaración automática de Cova Eirós como Ben de Interese Cultural, recollida no artigo 40.2 da Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español pola presenza de numerosas manifestacións de arte rupestre, e que a Xunta parece obviar posto que aínda recomenda a súa tramitación como tal, o Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico, impulsado polo Consello de Europa e asinado e ratificado por España, estipula nos seus artigos 4 e 5 que cada parte comprometerase "a poñer en práctica medidas de protección física do patrimonio arqueolóxico" que comprendan "a adquisición ou a protección polos medios apropiados, por parte dos poderes públicos, de espazos destinados á constitución de reservas arqueolóxicas", "a conservación e mantemento do patrimonio arqueolóxico, preferentemente in situ" e "a modificación dos plans de ordenación que poidan afectar negativamente ao patrimonio arqueolóxico".

AFECCIÓNS SOBRE O CAMIÑO DE SANTIAGO E INCUMPLIMIENTO DO CONVENIO EUROPEO DA PAISAXE

Doutra banda, a explotación minera de Cementos Cosmos ten unha incidencia directa sobre un dos tramos máis espectaculares de todo o Camiño de Santiago, declarado como Itinerario Cultural Europeo en 1987 polo propio Consello. O Comite  Asesor do Camiño de Santiago, órgano consultivo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia alertou de que a operación extractiva a gran escala a ceo aberto en Triacastela ten "unha evidente presenza visual nun considerable tramo do Camiño Francés" e que as tarefas mineras son en si mesmas incompatibles coa protección do territorio histórico ao afectar á conservación dos valores culturais de camiño de Santiago "nas condicións nas que están descritos", polo que non se entende como pode terse dado o visto bo á explotación nesas circunstancias.

Por iso, Salvemos Cabana considera que a autorización administrativa a Cosmos incumple tamén os términos do Convenio Europeo da Paisaxe , que lanzado polo Consello de Europa ten como obxectivo fundamental promover a súa "protección, xestión e ordenación".

Este acordo recoñece que a paisaxe "desempeña un papel importante de interese xeral nos campos cultural, ecolóxico, medioambiental e social", que "é un compoñente fundamental do patrimonio natural e cultural europeo", polo que "a súa protección, xestión e ordenación implican dereitos e responsabilidades para todos" ao tratarse "dun elemento clave do benestar individual e social" recollendo específicamente no seu artículado o concepto de "protección das paisaxes", como todas aquelas accións "encamiñadas a conservar e manter os aspectos significativos ou característicos" das mesmas.

A AUTORIZACIÓN ADMINISTRATIVA NA MINA DE TRIACASTELA É INCOMPATIBLE CON DOUS DOS PRINCIPAIS REFERENTES DA CULTURA EUROPEA

O desenvolvemento da historia do xénero humano permitiu acumular unha importante bagaxe de coñecementos e obxectos, algúns dos cales perduran desde fai milenios, e que afirmaron a nosa capacidade como especie para crear unha cultura integrada por bens materiais e inmateriais que en definitiva conforman o noso patrimonio cultural.

Alén da mera autorización administrativa, o feito de que se permita a reanudación de labores na canteira de Vilavella afecta directamente a dous dos piares da cultura galega que son tamén referentes en Europa, tanto no caso dos lugares e sentimentos asociados á peregrinación a Santiago nun dos tramos máis fermosos de todo o Camiño, como na preservación para as xeracións actuais e futuras de Cova Eirós, auténtica catedral do Paleolítico galego.

(30.8.2014)