Rebenta unha balsa nunha mina de ouro canadense orixinando unha vertedura tóxica a gran escala na Columbia Británica

A empresa Imperial Metals Corp. propiedade do executivo petroleiro Murray Edwards, afundíuse en bolsa perdendo case a metade do seu valor tras o desastre da mina Mount Polley, que inundou unha vasta extensión de terreo alcanzando ríos, lagos e estradas circundantes.

O accidente sucedeu a primeira hora da mañá do luns, cando rebentou o dique de contención da balsa mineira e un aluvión de máis de cinco millóns de metros cúbicos de lodos tóxicos inundou todo ao seu paso. O mediodía do martes, a compañía afirmou que a situación estaba "estabilizada", aínda que as autoridades cortaron o acceso ao perímetro por motivos de seguridade e o subministro de auga potable á poboación próxima ás localidades de Quesnel Lake, Polley Lake, Hazeltine Creek e Cariboo Creek, ampliándoa a todos os residentes nas inmediacións do Quesnel Cariboo e outros ríos.

Imperial Metals Corp., propietaria da mina Mount Polley, afirmou descoñecer os motivos da ruptura da balsa e víuse obrigada a suspender operacións nunha explotación que pretendía producir durante este ano 47.000 onzas de ouro, 44 millóns de libras de cobre e 120.000 onzas de prata a partir dun concentrado polimetálico.

De acordo cos datos preliminares do Inventario de Medio do Consello Canadense de Emisións Contaminantes, a mina Mount Polley xerou un total de 406.122 kg de arsénico, 177.041 de chumbo e 3.114 de mercurio entre os seus refugallos tan só en 2013.

As autoridades valoraron negativamente o feito nun comunicado. "Este é un incidente grave que non debería ter acontecido", afirmou Bill Bennet, Ministro de Enerxía e Minas da Columbia Británica. Os analistas, pola súa banda, consideraron a vertedura como un feito "moi negativo" e avanzaron que podería custar á mineira máis de dosciendos millóns de dólares tan só en compensación de danos.

 
(6.8.2014)