Saltar ao contido principal

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico desestima de novo o proxecto mineiro de Asturgold en Salave

O último informe do organismo de conca, ao que puido acceder Salvemos Cabana, certifica que o expediente de tramitación está cheo de erros que mesmo poderían, a xuízo da CHC, vulnerar a lexislación aplicable en materia de avaliación ambiental.

A Confederación afirma con rotundidade que non cabe reabrir o expediente IA-IA-0382/11 co propósito de ditar unha nova declaración de impacto ambiental "coma se a xa ditada non tivese existido ou pronunciar unha sorte de declaración de impacto ambiental complementaria" cuxa cobertura legal non sería efectiva.

Doutra banda, e tal como sinala a CHC, "o novo trámite de información pública e de consultas aberto polo órgano substantivo, co obxectivo da nova avaliación ambiental pretendida, baséase non no decaemento da anterior a causa da reforma do Proxecto de cuxa autorización se trata, senón, simplemente, na aparición de documentación relevante para a avaliación ambiental e por instancia do órgano ambiental". Por iso -afirma a Confederación- ao recoñecer expresamente o Principado que tal información, considerada relevante, "non representa a modificación do Proxecto nin o Estudo de Impacto Ambiental, non concorrería motivo abondo para iniciar a nova avaliación, tal como se dixo xa, nin tampouco para a alteración dos criterios esenciais que serviron de base para ditar a Declaración de Impacto Ambiental de 2012, vixente".

O PROXECTO DE ASTURGOLD NON FORMULA ALTERNATIVAS VÁLIDAS PARA A CHC

Para o organismo de conca, ademais, " unha vez alcanzado o alcance e contido" do documento enviado pola mineira canadense ao MAGRAMA, baixo o título "Ampliación do informe de valoración de alternativas á situación das instalacións mineiras", evidénciase que Asturgold, malia as indicacións de achegadas previamente polo Ministerio, non selecciona nengunha alternativa que poida considerarse válida para paliar o impacto potencial sobre o dominio público hidráulico.

Así, na documentación achegada, a CHC incide na total "indeterminación nos puntos de vertido previstos", evidenciando que as lixiviacións resultantes do proceso "serán ácidos e conterán substancias perigosas" como arsénico, cobre, cromo, mercurio, níquel, chumbo, selenio e cinc, "a mayoria en concentracións superiores ás normas de calidade ambiental das augas superficiais".

Para a Confederación, "estes contaminantes non estaban previstos no Estudo de Impacto Ambiental sometido a consultas en decembro de 2013 e, no relativo ás predicións sobre a afección do proxecto á calidade das augas, as diferenzas teñen a súa orixe en novas hipóteses de partida que, sen invalidar tecnicamente as anteriores, obteñen resultados de todo distintos", recoñecendo, ademais, que "se identifica, como posible impacto na fase de clausura e post-clausura a alteración da calidade das augas debida á xeración de drenaxe ácida e a lixiviación de metais", coa opción, nalgunhas das alternativas, de conducir as augas de drenaxe da mina "ao dominio público marítimo terrestre" ou mesmo "unha vertedura directo a augas subterráneas", que supoñería unha vertedura de augas residuais con substancias perigosas "que non podería autorizarse sobre a base do artigo 257 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico".

A MINA DE OURO DE SALAVE, UN PROXECTO INVIABLE

Á vista dos datos achegados obxectivamente pola CHC, demóstrase unha vez máis que o proxecto que Asturgold pretende levar a cabo no Occidente de Asturias é claramente especulativo e ambientalmente insostible, e deslexitima o estudo presentado polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME) sobre a afección da pretendida explotación mineira sobre o recurso hídrico encargado a Instancias da Dirección General de Energía y Minas do Principado, que non detectaba ningunha incidencia ambiental relevante.

(20.9.2014)