Saltar ao contido principal

Eslovaquia aposta pola protección do recurso hídrico e prohíbe o uso de cianuro en tecnoloxías mineiras

O Parlamento do país báltico aprobou unha emenda á Lei de Minaría, en virtude da cal cancelourse a autorización para usar este composto en procesos de lixiviación para o procesamento de ouro.

O 10 de setembro a Asemblea Xeral do Parlamento eslovaco adoptou a emenda na súa sesión plenaria, a partir da iniciativa do grupo político SMER, maioritario na cámara. Deste modo, Eslovaquia únese así a outros gobernos europeos que xa prohibiron o uso de cianuro en minaría, como República Chega ou Hungría.

A emenda eslovaca produciuse en resposta aos proxectos de minaría do ouro en Kremnia e Detva por parte de empresas canadenses, na Rexión de Banská Bystrica. Na rexión de Podpolanie pretendía tamén se iniciar unha explotación nun espazo natural protexido pola UNESCO.

Dende a asociación Kremnica nad zlato ('Kremnica sen ouro') celebrouse o "progreso substancial" que supón esta medida lexislativa. "Estamos seguros de que a nosa vitoria alentará outras comunidades nos seus propios países para loitar por un futuro limpo e pola prohibición do uso do cianuro. Non só iso, senón que o exemplo de Eslovaquia tamén debe ser un incentivo para que os funcionarios da UE dean carpetazo á minaría tóxica en Europa e poñan en práctica a vontade da sociedade de prohibir o uso do cianuro na minaría do ouro", apuntaron dende o colectivo.

A RESOLUCIÓN DE 2010 DO PARLAMENTO EUROPEO SOBRE O CIANURO, UN PRIMEIRO PASO PARA A SÚA PROHIBICIÓN TOTAL

O 5 de maio de 2010, o Parlamento Europeo aprobou a resolución P7 TA(2010)0145, de "Prohibición do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro", que tras a presión do lobby mineiro non foi finalmente imposta pola Comisión polo suposto efecto negativo sobre o emprego. Non obstante, este feito supuxo un fito fundamental para o avance cara á súa total prohibición en todo o territorio da Unión Europea, pois dende entón se fomentou a aparición de numerosas iniciativas sociais e políticas dende países como Grecia, Romanía, España, Francia, Bulgaria ou Finlandia.

O texto aprobado recoñece ao cianuro "é unha substancia química altamente tóxica" que na Directiva Marco da Auga (2000/60/CE) está clasificado "como un dos principais contaminantes" e pode ter "un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio e, por ende, na diversidade biolóxica" e que "un fallo no seu transporte e almacenamento pode ter consecuencias catastróficas".

Por iso, "pide á Comisión e aos Estados membros que non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto mineiro na UE en que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro, ata que sexa aplicable a prohibición xeral, nin avalen proxectos desas características en terceiros países".

PROXECTOS COMO O DA MINA DE CORCOESTO EN GALICIA DEIXARÁN DE SER VIABLES CANDO CHEGUE A PROHIBICIÓN DO CIANURO

As implicacións do sucedido en Eslovaquia en loitas ambientais como a que estamos a levar dende Salvemos Cabana e outras asociacións contra o proxecto que a mineira canadense Edgewater Exploration pretende instalar na parroquia de Corcoesto (Cabana de Bergantiños, A Coruña) son inmensas dado que, actualmente, a minaría do ouro a gran escala, onde se opera en depósitos de baixa lei de ata un gramo por tonelada de rocha procesada, dependen do uso deste perigoso composto en grandes cantidades para facer rendible este tipo de explotacións.

Tarde ou cedo, a loita contra o uso do cianuro en minaría dará os seus froitos, e nese momento, este tipo de proxectos demostraranse como o que sempre foron, especulativos e inviables.

(24.9.2014)