Saltar ao contido principal

A cidadanía terá que pagar a falta de previsión da Xunta de Galicia na explotación mineira do Monte Neme

A aseguradora AXA rexeita facerse cargo dos gastos ocasionados polo desastre ambiental do pasado 10 de febreiro, que orixinou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos tras a rotura dunha das balsas do complexo afectando a distintas infraestruturas das localidades coruñesas de Aviño (Malpica) e Razo da Costa (Carballo), poñendo ademais en risco a seguridade persoal dos veciños.

Aínda que a Consellería de Economía e Industria ameaza agora con levar a AXA aos tribunais para que afronte as súas responsabilidades, a realidade é que o desembolso dos máis de 140.000 euros que custaron a reparacións de danos saíron finalmente do peto dos contribuíntes, pois tiveron que ser os propios concellos afectados os que se fixesen cargo do gasto.

É necesario recordar que a pesar das borrascas que naqueles días provocaron un inusitado nivel de precipitacións na Comarca de Bergantiños, a situación de perigosidade derivada da inestabilidade das balsas deste complexo mineiro abandonado á súa sorte na parte superior do Monte Neme fora reiteradamente advertido por múltiples colectivos e particulares ante a pasividade da Dirección Xeral de Minas de la Xunta de Galicia e a realidade do incumprimento da lexislación vixente.

A Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia, estipula que corresponde á autoridade administrativa competente verificar o cumprimento da normativa en calquera tipo de actividade mineira (art.46) e que os funcionarios establecidos para tal fin poderán efectuar "todas as dilixencias e requirir a información e documentación necesarias para comprobar que se cumpren as disposicións legais e regulamentarias" (art.47).

Asemade, recóllese nos capítulos II e III un réxime sancionador, que establece competencias, procedementos e no seu caso, toma de "cantas medidas preventivos resulten necesarias" pola vía de urxencia (art.53), o que inclúe tanto medidas de seguridade ou control "que impidan a continuidade na produción do dano".

(4.10.2014)