Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana considera o último anuncio de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater de auténtica 'cortina de fume' ante o masivo rexeitamento social ao proxecto e a delicada situación financeira da empresa

A Plataforma recorda que as garantías esixibles a calquera proxecto industrial han de ir alén das meras promesas de futuros investimentos de empresas fantasma e que o pasado ano a compañía pechou o exercicio cunhas perdas de 378.000 euros e recursos que apenas rozaban o 1% do investimento anunciado, de máis de 100 millóns de euros.

Salvemos Cabana considera que dende os seus inicios, o proxecto mineiro demostrouse claramente inviable e non só a nivel técnico e financeiro -o que lle valeu a cancelación deste por parte da Xunta de Galicia-, senón que a nivel ambiental supón unha carga de todo inasumible para unha bisbarra historicamente enraizada nos sectores produtivos agropecuario, marisqueiro, pesqueiro e turístico, que en conxunto superan amplamente os 10.000 empregos xa consolidados e que supoñen o verdadeiro soporte económico e social de Bergantiños.

Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater aposta de novo pola vía especulativa e anuncia agora unha explotación de polo menos 20 anos en total contradición coa súa proposta inicial que contemplaba un período de tan só 8 de actividade extractiva e un volume de emprego de 271 persoas, 133 das cales se farían a través de subcontratas e cuxa duración podería ser tan só de meses ou mesmo semanas.

Doutra banda, foi o propio Director Xeral de Minas quen aclarou á empresa no seu momento que se lle solicitara que acreditase a súa solvencia técnica e económica-financeira respectando o prazo fixado por Lei e ao non xustificar a devandita acreditación, o actual plan de traballo está liquidado sen posibilidade de retormalo en ningún caso polo que o anuncio da compañía non pasa de ser unha saída de ton e unha sorte de "ousadía" co fin de retomar unhas espectativas que se demostraron dende un principio como non factibles.

O CANON MINEIRO, O ÚLTIMO DESPROPÓSITO DO EXECUTIVO DE ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO E SINAL DE IDENTIDADE DA PEOR LEXISLATURA GALEGA DENDE O INICIO DA DEMOCRACIA

Finalmente, faise necesario valorar o último anuncio a Xunta sobre o Imposto Compensatorio Ambiental Mineiro (ICAM), que gravará cun canon a alteración da superficie e o almacenamento de residuos procedentes de proxectos de minaría metálica e que supostamente permitirá ás empresas paliar os seus efectos sobre a contorna.

A actual Administración galega equivócase de cheo ao considerar que a destrución de ecosistemas e alteración da contorna fomentada pola falta de control sobre as empresas mineiras pode paliarse a base de das denominadas medidas "correctoras e compensatorias" e que estas poden ser cuantificadas economicamente.

Resulta de todo insólito comprobar que esta novidade incluída no Anteproxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, non será aplicable a proxectos de alto impacto como as explotacións de lousa, granito ou áridos, permitindo que algunhas das maiores aberracións ambientais cometidas en Galicia polas industrias extractivas continúen plenamente vixentes ante a pasividade dos que deberían ser o garante da custodia do territorio para as xeracións futuras.

(21.10.2011)