Saltar ao contido principal

O Valedor do Pobo reafírmase na caducidade da autorización ambiental á mina de Corcoesto

O Alto Comisionado remite un informe a Salvemos Cabana no que confirma que no caso de que Edgewater pretenta retomar o proxecto "a única posibilidade é a presentación dunha nova solicitude" na que "terían que se coñecer todos os detalles, tamén os de carácter ambiental".

O Valedor estipula que "mesmo se a empresa pretende presentar un mesmo proxecto, as consecuencias xurídicas serían idénticas, posto que o anterior foi formalmente rexeitado por razóns de fondo".

Pola súa banda, o Valedor deixa patente o seu criterio tal e como expuxo no seu momento como resposta ás 628 queixas recibidas contra o proxecto mineiro. Nelas e no Informe dirixido ao Parlamento de Galicia correspondente a 2013 sinalaba que "dado o rexeitamento global ao proxecto, este ten como consecuencia que decaian todos os actos de trámite deste, entre eles a avaliación ambiental" pois "non resulta aplicable o previsto para a posible caducidade das declaracións, posto que a pervivencia durante un prazo prevese para os casos en que se deu a autorización ao aprobación do proxecto e este non comenzara a executarse (art.14 do Real Decreto Legislativo 1/2008)".

Por iso, "o feito de que iso fora así" foi o que levou ao Alto Comisionado "a non facer unha análise de fondo da avaliación e a Declaración de Impacto Ambiental", pois se o proxecto mineiro "non tivera concluído da forma indicada habería que ter valorado nas queixas os diferentes aspectos inadecuados da Declaración".

O texto remitido sinala, asemade, que o Valedor trasladou á Administración galega a súa resolución unha vez recibidos "os informes complementarios e os aportados por diversas fontes, como a propia promotora do proxecto ou as organizacións ambientais", en "que se observaron determinadas actuacións aparentemente non adecuadas no proceso" e que como, a través de sede parlamentaria, coñeceu o rexeitamento ao proxecto por parte da Administración, "xa non resultaba preciso formalizar as actuacións que se poderían deducir".

A XUNTA DEBE RETIRAR A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL POSITIVA AO PROXECTO MINEIRO DE CORCOESTO

Á vista dos feitos, a asociación considera que tan só cabe retirar de inmediato a DIA do proxecto de Corcoesto, tal e como indica o Real Decreto Lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro ao que se refire o Valedor, e que non deixa lugar a equívocos ao indicar con claridade as condicións de caducidade obrigatoria deste tipo de autorizacións.

Aínda que de xeito ordinario as declaracións de impacto ambiental teñen un prazo de validez de cinco anos, a mencionada normativa sinala que "a declaración de impacto ambiental do proxecto ou actividade caducará se unha vez autorizado ou aprobado o proxecto non se tivese comezado a súa execución no prazo fixado pola comunidade autónoma" e que "en tales casos, o promotor deberá iniciar novamente o trámite de avaliación ambiental do proxecto".

(4.11.2014)