Saltar ao contido principal

Momentos para un ano clave na loita social contra a megaminaría

A decisión da Comisión de Asuntos Ambientais do Principado de Asturias (CAMA) de non autorizar o proxecto mineiro de Asturgold en Salave a finais de decembro foi o culmen a un 2014 no que os movementos sociais de dentro e fóra de Galicia alcanzaron a súa maioría de idade na defensa do territorio, o ben común, a saúde e o medio ambiente.

Balsas mineiras do Monte Neme, un desastre anunciado -e real- no 2014

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico xa advertira no seu terceiro e último informe sobre a proposta da mina de ouro asturiana de numerosas deficiencias tanto en lexislación en materia de augas como na declarada afección negativa sobre o dominio público hidráulico, o que finalmente converteuse nunha negativa rotunda das autoridades asturianas e rexeitou definitivamente o proxecto, tal como viña esixindo dende hai anos tanto a plataforma veciñal Oro No, na localidade de Tapia de Casariego como a Coordinadora Ecoloxista e outras moitas entidades dedicadas á protección do medio ambiente asturiano. Sen dúbida un momento de celebración.

O ano, non obstante, foi activo dende os seus comezos. No mes de xaneiro, dende Salvemos Cabana presentáronse alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) de Cabana de Bergantiños impulsado polo alcalde popular José Muiño ao considerar unha vulneración da lexislación vixente a inclusión terreo destinado ao proxecto de mineiro de Corcoesto no Documento de Inicio (DI), sen chegar a considerar a considerar en ningún caso os efectos ambientais adversos nin a cancelación definitiva do proxecto en outubro de 2013.

UN DESASTRE ANUNCIADO NO MONTE NEME

O mes de febreiro quedou marcado por un grave incidente que puido terse evitado. Na madrugada do luns 10, debido á forza das sucesivas borrascas que azoutaron o literal da costa coruñesa, rebentou unha das balsas mineiras do situadas no cumio do Monte Neme, provocando un desastre ambiental sen precedentes na Comarca de Bergantiños e unha vertedura incontrolada de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos, algo que sen dúbida foi un recordatorio do que podería ter sucedido na parroquia de Corcoesto en caso de accidente na proxectada mina de ouro a ceo aberto, cunha balsa de residuos tóxicos procedentes dos procesos de flotación e lixiviación 400 veces máis grande.

O suceso, non cabe dúbida, evidenciou a nefasta xestión da Dirección Xeral de Minas no antes, durante e despois deste e nalgúns momentos unha clara dexadez de funcións dende a parte administrativa. A posibilidade dunha vertedura a grande escala xa fora advertido con antelación por múltiples colectivos e particulares, en ningún momento informouse da composición química de auga e lodos almacenados nas balsas nin do seu nivel de toxicidade, e o plan de restauración proposto para a zona mostrouse claramente insuficiente dende o principio. Como desafortunado colofón, a aseguradora AXA rexeitou facerse cargo dos gastos ocasionados o o desastre, máis de 140.000 euros que terán que saír do peto dos contribuíntes, que serán os que teñan que pagar finalmente a falta de previsión da Xunta de Galicia no Monte Neme.

OS EFECTOS DA MINA DE TOURO, UN PERIGO PARA A SAÚDE HUMANA E OS ECOSISTEMAS

Tamén en 2014 o conflito aberto pola mina de Touro, viviu un novo capítulo. Nos meses de marzo e xullo, enviáronse novas probas sobre este particular á Oficina del Defensor de Pueblo en Madrid, acerca dos efectos adversos que esta explotación, actualmente abandonada como proxecto metalífero de cobre e ouro, está a ter en todo o sistema hídrico da zona, nun claro incumprimento da lexislación nacional e internacional. A mina de Touro é e segue sendo, en definitiva, o peor exemplo da "minaría sostible" en Galicia, concepto manido unha e outra vez tanto dende a Dirección Xeral de Minas coma dende a Cámara Oficial Mineira.

O PLAN DIRECTOR DA REDE NATURA 2000 APROBADO POLA XUNTA, UNHA FERRAMENTA DE DESPROTECCIÓN

Abril foi un mes centrado na Rede Natura 2000, ao coñecerse que o novo Plan Director proposto pola Xunta faría vulnerables amplas extensións territoriais protexidas, e que así proxectos mineiros como Corcoesto poderían ser autorizados en zonas de especial protección a nivel europeo. Por iso, dende Salvemos Cabana denunciouse ante a Comisión Europea a incompatibilidade de texto coas principais directivas de protección ambiental da UE.

A CUESTIONABLE ACTIVIDADE MINEIRA DE CEMENTOS COSMOS EN TRIACASTELA

O verán estivo marcado pola denuncia da actividade extractiva en Triacastela (Lugo). Tras décadas de actividade irregular, a canteira de calcaria operada por Cementos Cosmos, filial do xigante brasileiro Votorantim obtiña unha licenza municipal co beneplácito da alcaldesa e deputada popular Olga Iglesias, malia as reticencias do Comité Asesor do Camiño de Santiago e as irregularidades sancionadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Unha actividade mineira que segundo alertan numerosos colectivos e incluso Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento, está a poñer en perigo o principal xacemento paleolítico de Galicia, Cova Eirós, un enclave único que conserva as primeiras evidencias de arte rupestre desa etapa en no noroeste peninsular e que causa unha grave afección paisaxística sobre un dos tramos máis espectaculares de todo o camiño de Santiago.

Fronte a isto, dende a asociación denunciouse ante o Consello de Europa os efectos da autorización administrativa á actividade mineira de Cosmos, ao considerar que a devandita autorización vulnera o establecido en dous convenios ratificados polo Goberno español, tanto no Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico como no Convenio Europeo de paisaxe.

CORCOESTO, UN PROXECTO CANCELADO (E POLÉMICO)

O denominador común de todo o ano, non obstante, foi o omnipresente conflito mineiro de Corcoesto. En xuño fíxose público que Javier Aguilera, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), tería avalado durante unha cea ante un grupo de investidores o proxecto de Edgewater sen coñecelo, tal como figura por escrito no Recurso Potestativo de Reposición. Ante semellante comportamento só cabe depurar resposabilidades, feito que en ningún momento chegou a producirse.

Doutra banda, o Valedor do Pobo reafirmou en novembro a súa postura sobre a caducidade obrigatoria da autorización ambiental á mina de Corcoesto. Nun informe remitido a Salvemos Cabana confirmou entón que a única posibilidade para Edgewater sería a presentación dunha nova solicitude na que "teríanse que coñecer todos os detalles, tamén os de carácter ambiental".

A NECESARIA REFORMA DA LEI MINEIRA DE GALICIA

O tramo final do 2014 trouxo ao Parlamento de Galicia o debate sobre a reforma da Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia. Alternativa Galega de Esquerda (AGE), impulsaba entón unha proposta de reforma da lei mineira, recollendo e ampliando a proposta presentada no seu día por Salvemos Cabana.

Tal como sinala a iniciativa rexistrada por AGE en contra do ditado pola Lei 3/2008, "a minaría non pode ser en ningún caso considerada sostible, dado que son actividades non perdurables no tempo pois a explotación do recurso supón o seu esgotamento", ao que engade moi acertadamente que é necesario un uso alternativo dos recursos naturais "que sexa netamente sostible e socialmente admisible", en relación ao levantamento popular e cidadán en Galicia "contra determinados proxectos mineiros en particular e contra o modelo da megaminaría en xeral".

Malia que esta proposta de AGE non saíu adiante pola absoluta falta de criterio de PPdG e PSdG, si quedou patente que é posible loitar socialmente por un modelo alternativo que está a reclamar a maior parte da cidadanía, na que sexan de maior rango o respecto ao medio e aos usos tradicionais do territorio e que abandone definitivamente o concepto de "minaría sostible" para pasar a falar de "minaría razoable" no aproveitamento dos recursos do subsolo.

31.12.2014