Saltar ao contido principal

O novo modelo de negocio anunciado por Sacyr pode fomentar conflitos mineiros coma o de Corcoesto por todo o territorio galego

Salvemos Cabana valora moi negativamente a reorientación da compañía cara ao sector da minaría metálica e a firma dun acordo entre a súa filial Valoriza Minería e Macquarie Capital, nun cambio de estratexia que pretende o acaparamiento de dereitos mineiros por todo o Estado e a reapertura de vellos filóns de ouro, cobre, wolframio e outros metais baixo a escusa do desenvolvemento económico e fomento do emprego en épocas de crise.

Paisaxe devastada pola actividade mineira en Belmonte de Miranda (Asturias) 

Tal como sinalou a multinacional española, "en virtude do acordo, Valoriza Minería e Macquarie complementaranse para levar a cabo proxectos en fase avanzada ou en operación encadrados inicialmente na Península Ibérica", inicialmente en zonas como Galicia, Estremadura, Castilla-La Mancha e Andalucía, financiando as adquisicións "mediante fondos propios ou acudindo a mercados internacionais e investidores privados", o que supón de facto unha aposta por proxectos meramente especulativos como o cancelado pola Xunta en Corcoesto e un máis que evidente intento de desenvolvemento da megaminaría a todos os niveis nas zonas implicadas, cos consecuentes prexuízos ambientais e sociais que a actividade extractiva a gran escala pode ocasionar, como se demostrou polo elevado número de conflitos contra os abusos das grandes corporacións mineras que se desenvolveron ao longo e ancho do mundo nos últimos anos.

Aínda que Raj Khatri, responsable da división Metals and Mining de Macquarie Capital Europe afirmou públicamente que "a colaboración entre Valoriza Minería e Macquarie representa unha oportunidade única para crear valor", a realidade é que tanto en Galicia como noutras moitas zonas peninsulares a minaría de gran porte non ten nin terá no futuro licenza social para o seu desenvolvemento, ao tratarse proxectos de escaso horizonte temporal pero que ao cabo dos anos poden carrexar graves impactos ambientais polo que o concepto de "minaría sostible" non deixa de ser unha mera estratexia de comunicación creada polo sector extractivo co único fin de beneficiar as contas de resultados dos seus accionistas e investidores.

Quizais o mellor exemplo para comprender isto sexa o acontecido na mina de ouro de Boinás-El Valle, no concello asturiano de Belmonte de Miranda. Operada por Kinbauri Gold, filial da corporación canadiense Orvana Minerals, e habitualmente promocionada desde a industria como o exemplo a seguir a nivel de responsabilidade medioambiental, acumula sancións pola grave contaminación que está provocando a súa actividade, en total máis de 326.000 euros impostos en 2014 por parte da Confederación Hidrográfica do Cantábrico pola gravidade dos seus vertidos tóxicos de elementos como selenio, arsénico, fluoruros, cianuro e metais pesados á conca do río Narcea.

A cancelación oficial de proxectos mineros como o de Salave en Asturias e Corcoesto en Galicia e a oposición rotunda das comunidades fala da inviabilidade deste tipo de iniciativas en territorio peninsular. O auxe do neoextractivismo derivado da crise financeira internacional non deixa de ser, en definitiva, un intento moderno de recuperar o espírito da África colonial do século XIX, continente hoxe abatido na loita polos recursos e o saqueo das grandes corporacións transnacionais.

(15.1.2015)