Saltar ao contido principal

A Defensora del Pueblo deixa en evidencia as carencias da Xunta en canto á fiscalización do sector mineiro en Galicia

Soledad Becerril faise eco no seu último informe presentado ás Cortes da denuncia presentada pola Plataforma Salvemos Cabana ao organismo sobre as deficiencias de seguridade e restauración da mina de cobre e ouro de Touro (A Coruña), contradicindo a versión da Consellería de Economía e Industria, que ata o momento non achegou a información requirida por vía urxente polo alto comisionado a finais do mes de xaneiro.

Lamentable estado do río Portapego ao seu paso por Fonte Díaz (Touro)

A Oficina del Defensor del Pueblo solicitou unha aclaración á Xunta, á vista das probas presentadas na denuncia, "que aclare as medidas previstas para evitar a contaminación das augas por escorrentía así como as verteduras ou depósitos irregulares e así mellorar a seguridade na mina a través de novos valados, canalizacións ou sistemas de depuración".

Isto contradí a versión achegada pola Consellería de Economia e Industria o pasado ano ao expediente, que non detectaba problema ningún de seguridade, afirmando que "toda a explotación está valada e os seus accesos sinalizados con carteis indicadores que alertan do perigo da explotación mineira", algo que nos accesos dende Fonte Díaz, capital municipal da localidade de Touro non se corresponde coa realidade na data da queixa, ao non existir vixilancia, nin avisos de seguridade nin selado correcto do perímetro.

Doutra banda, a Consellería afirmou igualmente que a presenza de augas ácidas no ámbito de Touro ten unha orixe natural pola presenza de sulfuros na zona, cando en realidade é o compoñente artificial inherente á actividade extractiva a que acentuou o problema da contaminación provocado pola drenaxe ácida de mina (DAM) a gran escala.

No caso da mina de Touro, a oxidación dos sulfuros expostos á intemperie debido ao proceso mineiro provocou unha forte acidificación da contorna, orixinando a elevación da concentración de elementos indesexados tales como aluminio, metais pesados e outros compostos, xerando un medio na práctica abiótico -a excepción de especies extremófilas- e a presenza incontrolada de augas hiperácidas, con niveis de pH próximos a 3, que son as que en definitiva están a provocar importantes afeccións aos cursos fluviais do ámbito e provocan graves alteracións a nivel edafolóxico.

DEFICIENTE CUMPRIMENTO DA NORMATIVA MINEIRA

O sucedido en Touro demostra en definitiva o escaso compromiso das actuais autoridades da Xunta coa fiscalización do sector extractivo a nivel galego. A Lei 3/2008 do 23 de maio, de Ordenación da Minaría de Galicia indica no seu artigo 46.1 que "corresponde á Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de minas, realizar as comprobacións necesarias" así como garantir "o cumprimento da normativa mineira aplicable" e a adopción de medidas preventivas.

Normativas europeas esenciais, como a Directiva Marco da Auga (2000/60/CE) afirman a importancia "dunha maior protección e mellora do medio acuático" mediante "a supresión de verteduras e substancias perigosas e un bo estado químico do recurso hídrico". Na mesma liña, a Directiva 2004/35/CE, de Responsabilidade Ambiental, busca a prevención e reparación dos danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana.

Á vista dos feitos, os tan manidos conceptos de "minaría sostible" e "minaría responsable" ao que reiteradamente se apela dende a actual administración autonómica e a Cámara Oficial Mineira non deixan de converterse en papel mollado ante a realidade demostrada en Touro e outros enclaves como a Comarca de Valdeorras, aos que tamén fai referencia o último informe publicado pola Oficina del Defensor del Pueblo.

(28.2.2015)