Saltar ao contido principal

5 de maio. Día Europeo de acción contra o cianuro en minaría

Con motivo do 5º aniversario da resolución P7 TA(2010) 0145 do Parlamento Europeo sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na UE, Salvemos Cabana envía un informe ao novo Comisario Europeo de Medio Ambiente, o maltés Karmenu Vella, alertando da elevada taxa de sinestralidade ambiental que leva consigo a utilización desta perigosa tecnoloxía en minaría do ouro e propoñendo ao respecto unha posición coherente dende o seu departamento, cuxos obxectivos declarados son garantir a sostibilidade do medio ambiente europeo, a preservación dos recursos naturais e a conservación dos recursos biolóxicos mariños levando a cabo unha acción directa aos máis altos niveis, tal e como deixou patente o Presidente da Comsión Europea, Jean-Claude Juncker, na carta de presentación previa á asunción do cargo.

De feito, a resolución aprobada o 5 de maio de 2010, fundamentada nun dos piares reitores da política europea como é o o Principio de Cautela ou de Precaución, considera que "o cianuro é unha substancia química altamente tóxica" que a Directiva marco sobre política de augas clasifica "como un dos principais contaminantes" e "que pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente e, por ende, na diversidade biolóxica".

A resolución tamén declara que hai que valorar "que nos últimos 25 anos rexistráronse máis de 30 accidentes importantes" e que "non existe ningunha garantía real" ante novos desastres, "especialmente tendo en conta o incremento das condicións meteorolóxicas extremas" derivadas do Cambio Climático.

O uso do cianuro, ademáis, "crea pouco emprego e só por un período de entre oito e dezaseis anos, pero pode provocar enormes danos ecolóxicos transfronteirizos que, polo xeral, non son reparados polas empresas explotadoras responsables, que adoitan desaparecer ou declararse en quebra, senón polo Estado correspondente, é dicir, polos contribuíntes" e que "un fallo no seu transporte e almacenamento pode ter consecuencias catastróficas".

Doutra banda -estipula- para garantir "o cumprimento de obxectivos da UE establecidos na Directiva marco sobre política de augas, isto é, conseguir un bo estado químico das augas e protexer os recursos hídricos e a diversidade biolóxica, só pode lograrse mediante unha prohición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro".

O USO DE CIANURO EN MINARÍA É INCOMPATIBLE COA ESTRATEXIA EUROPEA DE CONSERVACIÓN DE BIODIVERSIDADE

O Comisario Europeo de Medio Ambiente debería considerar no seu mandato que a minaría a gran escala coa utilización de reactivos coma o cianuro vai en contra das liñas propostas pola Estratexia da UE sobre a biodiversidade ata 2020 que busca "unha mellora do estado dos ecosistemas e dos servizos que prestan" ao considerar que a maioría dos ecosistemas europeos atópanse actualmente degradados e que é fundamental "unha redución da sobreexplotación dos recursos naturais", pois a taxa actual por habitante duplica o que o territorio da UE pode achegar nese sentido. En esencia, esta estratexia europea busca deter a perda de biodiversidade, restaurar os servizos subministrados polos ecosistemas e contribuír eficazmente a deter a perda de biodiversidade no mundo, algo de todo incompatible coa utilización de cianuro de sodio en proxectos de minaría metálica a gran escala.

(5.5.2015)