Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana celebra o Día Mundial contra a Megaminaría cun chamamento á reacción social fronte aos tratados de libre comercio

Como cada 22 de xullo, esta xornada internacional de resistencia pacífica serve de ferramenta de solidariedade coas comunidades afectadas que por todo o mundo loitan contra as consecuencias socioambientais das actividades extractivas a gran escala.

A megaminaría é a actividade industrial que máis residuos xera
A megaminaría ten múltiples efectos e unha norma de inicio que é a división social, pero supón, igualmente, graves alteracións na paisaxe e a destrución irreversible da súa biodiversidade polo triplo impacto que esta actividade desenvolve sobre aire, auga e solos. Finalmente, trátase da tarefa industrial que máis residuos xera e unha das que máis enerxía e auga consume. Por iso, non pode falarse da minaría de gran porte como unha actividade "sostible" baixo ningunha perspectiva, nin ambiental, nin social.

O factor clave para a súa prohibición está a ser a reacción das comunidades e a súa presión ao lexislador, e o que hai tan só unhas décadas parecía imposible converteuse nunha realidade palpable. A megaminaría a ceo aberto, por exemplo, xa foi prohibida, entre outros, en países e rexións como Turquía (1997), República Checa (2000), Nova Gales do Sur (Australia, 2000), Colorado (Estados Unidos, 2002), Alemaña (2002) e Costa Rica (2002), así como oito provincias arxentinas (a última Tierra del Fuego en 2011).

OS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO, UN CABALO DE TROIA PARA AS GRANDES CORPORACIÓNS DO SECTOR EXTRACTIVO

A megaminaría atopou nos tratados de libre comercio como o TTIP, TISA ou CETA os seus principais aliados. Estes acordos redirixen o sistema cara a un novo tipo de economía colonial puramente especulativa, cunha limitación do control efectivo das multinacionais por parte dos estados, nun contexto no que calquera tipo de litixio entre países e corporacións haberán de dirimirse a través de tribunais internacionais de arbitraxe, que funcionan como entes privados que en última instancia rematan por beneficiar ao capital transnacional que defenden os grandes conglomerados empresariais.

Como a megaminaría, os tratados de libre comercio implican a maior ameaza da historia para o medio ambiente e os ecosistemas polo aumento exponencial da presión sobre os recursos naturais e o seu favorecemento de proxectos extractivos de alto impacto, tanto sobre o sistema natural como as comunidades, por iso agora é o momento de actuar.

-

A Plataforma Salvemos Cabana forma parte da campaña NON ao TTIP, que coordina a 480 organizacións sociais de todo o Estado. Máis información: www.noalttip.blogspot.com.es