Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana cualifica de inexistente a restauración mineira levada a cabo tras o desastre ambiental do Monte Neme

Dezasete meses despois da rotura dunha das balsas que provocou a vertedura de máis de 24.000 m³ de auga e lodos sobre as parroquias coruñesas de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica de Bergantiños) e logo do desentendimiento dos efectos do accidente por parte da aseguradora, a Xunta continúa sen levar a cabo o pretendido plan de rehabilitación da contorna obviando os riscos aínda presentes nesta explotación abandonada.

Bloqueo de acceso 'artesanal' ás antigas instalacións mineiras

Polo momento nos terreos afectados non se levaron a cabo tarefas que denoten de maneira significativa ningún tipo de restauración, e a actuación da Administración galega parece limitarse unicamente á instalación de dous carteis de advertencia á entrada do complexo sen sinalizar en ningún caso as zonas de perigo de caída nas cembas, cortadas verticalmente nalgúns puntos varias decenas de metros e onde existe risco de accidente.

De feito, o perímetro continúa completamente desprotexido e tampouco se procedeu á desecación das balsas mineiras o que, alén da instalación de tubos de drenaxe no lugar do suceso, supoñen un perigo potencial logo dun incremento repentino do nivel de precipitación no caso de condicións meteorolóxicas adversas. Asimesmo, chama a atención o feito de que se colocaron grandes pedras a modo de barreira, o que en ningún caso impide o acceso á zona das cembas.

Doutra banda, a Plataforma puido constatar novamente a vertedura de espumas e augas contaminadas na balsa situada ao leste da concesión mineira 'Reconquista', que está a derivar monte abaixo. Aínda que Leitosa S.A.U., concesionaria da última explotación mineira do Monte Neme, solicitou en 2011 unha autorización oficial de vertedura ao Dominio Público Hidráulico, o documento sometido a información pública fai referencia a "augas residuais industriais e de escorregada depuradas", o que en ningún caso ten relación coa situación observable sobre o terrero e confirma unha vez máis o escaso control que a Dirección Xeral de Minas exerceu até a data do accidente, acontecido durante a madrugada do 10 de febreiro do ano pasado.

UN PLAN DE RESTAURACIÓN INCONCLUSO E INCOMPLETO

Salvemos Cabana xa presentou no seu momento alegacións ao proxecto de abandono e clausura do grupo mineiro 'Monte Neme' ao considerar a rehabilitación proposta como incompleta, ao centrar a maior parte dos recursos no maior oco de explotación situado na concesión 'Rima', pero deixando completamente á marxe outras zonas do monte procedentes da antiga explotación metalífera de wolframio, que aínda que a Xunta considera restauradas presentan con todo un evidente estado de degradación ambiental.

(2.7.2015)