Saltar ao contido principal

Valorando o 2015. Galicia en clave de minaría

Logo da cancelación definitiva do proxecto aurífero de Corcoesto, o anuncio de demanda por parte de Edgewater Exploration contra o Goberno de España e o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo contra as reformas introducidas na Lei autonómica 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia a partir da Lei 12/2014 de Medidas Fiscais e Administrativas propugnadas pola Xunta, son os factores que pechan un 2015 no que a cuestionada proposta extractiva estivo de fondo en todo momento.

Drenaxe ácida na contorna da mina de Touro (A Coruña)

UNHA LEI PARA GARANTIR A CANCELACIÓN DOS DEREITOS MINEIROS EN CORCOESTO

A finais de 2014, a entrada en vigor da  Lei 12/2014 do 22 de decembro, de Medidas Fiscais e Administrativas e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, levaba de facto para Edgewater a perda dos seus dereitos mineiros en Cabana de Bergantiños, ao sinalar que "o incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante" implicaban "a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia". Foi así como chegou a anunciarse o momentáneo punto e final dun conflito que comezara en 2012.

A VÍA EUROPEA, PECHADA PARA EDGEWATER

En xaneiro, poucos días despois, foi a Comisaria Europea de Comercio Exterior, Cecilia Malmström, a que anunciou un novo revés para a compañía, ao confirmar que a transnacional en ningún caso podía invocar o Acordo Económico e Comercial Global (CETA, polas súas siglas en inglés), para impugnar a decisión administrativa de cancelación do proxecto.

A resposta deuse en referencia a unha pregunta efectuada desde o grupo GUE/NGL sobre o presunto dereito a indemnización da mineira, verificando a consulta efectuada en setembro de 2014 por Salvemos Cabana a instancias europeas sobre este particular, resolvendo finalmente que ningunha empresa canadense pode invocar de momento o CETA nin presentar reclamación patrimonial algunha ao atoparse o texto en fase de negociación.

"En calquera caso -sinalou Malmström-, os acordos de libre comercio, incluído o AECG, non modifican o dereito dos Estados membros a perseguir os seus obxectivos lexítimos de política pública, incluída a fixación de normas de protección ambiental. O AECG deixa claro que a UE e Canadá manteñen o seu dereito para lexislar para alcanzar obxectivos lexítimos en materias como a saúde pública, a seguridade, o medio ambiente, a moral pública e a promoción e protección da diversidade cultural. Isto significa que un investidor non pode recibir unha compensación por lucro cesante, perda de beneficios ou custos sufridos".

SACYR, NOVO ACTOR NO TABOLEIRO DE XOGO

Tamén en xaneiro foi o coñecemento do desembarco da multinacional española Sacyr o que caldeou os ánimos na Comarca de Bergantiños, ao anunciar esta a firma dun acordo entre a súa filial Valoriza Minería e o grupo Macquarie Capital, recoñecendo tácitamente a pretensión de acumular dereitos mineiros por toda a Península Ibérica e a reapertura de vellos filóns de ouro e outros metais, apostando de facto por proxectos de megaminería en zonas como Galicia, Estremadura, Castela-A Mancha e Andalucía, chegando mesmo a acudir en caso necesario "a mercados internacionais e investidores privados", e fomentando na práctica proxectos de índole meramente especulativo, sen dúbida un factor de risco para o desenvolvemento de novos conflitos socioambientais ao estilo do acontecido na Costa da Morte.

CHAMADA DE ATENCIÓN Á XUNTA DENDE A OFICINA DO DEFENSOR DEL PUEBLO

En febreiro, foi a actual Defensora do Pobo, Soidade Becerril, a que se fixo eco no seu informe presentado ás Cortes Generales da denuncia presentada por Salvemos Cabana ao organismo sobre as deficiencias de seguridade e restauración na mina coruñesa de cobre e ouro de Touro.

O equipo de Becerril solicitou entón unha aclaración á Xunta, á vista das probas presentadas, sobre "as medidas previstas para evitar a contaminación das augas por escorrentía así como as verteduras ou depósitos irregulares" para proceder á mellora da seguridade na contorna mineira "a través de novos valados, canalizacións ou sistemas de depuración".

O sucedido en Touro mostra, en definitiva, o escaso compromiso das actuais autoridades da Xunta coa fiscalización do sector extractivo a nivel galego. A Lei 3/2008 do 23 de maio, de Ordenación da Minería de Galicia indica no seu artigo 46.1 que "corresponde á Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de minas, realizar as comprobacións necesarias" así como garantir "o cumprimento da normativa mineira aplicable" e a adopción de medidas cautelares.

Normativas europeas esenciais, como a Directiva Marco da auga (2000/60/CE) afirman a importancia de "unha maior protección e mellora do medio acuático" mediante "a supresión de verteduras e sustancias perigosas e un bo estado químico do recurso hídrico". Na mesma liña, a Directiva 2004/35/CE, de Responsabilidade Ambiental, busca a prevención e reparación dos danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana.

OS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO: UNHA AMEAZA PARA AS COMUNIDADES

En abril, a Plataforma adheriuse á campaña internacional de Acción Global contra o TTIP/TISA/CETA, denunciando xunto a decenas de movementos sociais, organizacións e asembleas cidadás de todo o Estado a opacidade manifesta coa que dende a autoridade europea están a levarse as negociacións.

Co desenvolvemento e aprobación definitiva destes acordos limitaríase o control efectivo das multinacionais por parte dos estados e calquera tipo de litixio entre países e corporacións, ao estilo do ocorrido en Corcoesto, terían que ser dirimidos a través de tribunais internacionais de arbitraxe, que maiormente defenden aos intereses empresariais e que ao final unicamente benefician ao capital transnacional. Na práctica, unha ameaza real para as comunidades.

O CONFLITO MINEIRO DÉIXASE NOTAR NAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Outra das claves do ano sucedeu no mes de maio, cun desastre electoral que acabou apartando ao Partido Popular (PP) do goberno de Coristanco e Ponteceso, dous das tres alcaldías afectadas polo proxecto de Corcoesto, e caendo máis de 20 puntos en Cabana de Bergantiños.

Sen dúbida un completo fracaso dos plans do alcalde cabanés José Muiño, figura clave desde os inicios do conflito polo seu desmesurado apoio a Edgewater nunha iniciativa que prevía empregar grandes cantidades de reactivos moi contaminantes xerando ao final da vida útil do proxecto un total de máis de 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos que permanecerían para sempre na comarca bergantiñá.

UNHA BATALLA GAÑADA: EDGEWATER PERDE OS DEREITOS MINEIROS

Sen dúbida esta de outubro foi a noticia máis importante do 2015, momento no que a Xunta acordou declarar de maneira definitiva a caducidade das concesións de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater en Cabana de Bergantiños, algo que moitos non dubidaron en cualificar de 'vitoria total' e que Salvemos Cabana, fuxindo de calquera intento de patrimonialización do movemento social, considerou desde o principio unha batalla gañada pero inscrita dentro dun horizonte temporal moito máis longo no que as verdadeiras claves residen nunha reforma da lei mineira que permita unha norma máis garantista e respectuosa a nivel ambiental e social.

UNHA DECISIÓN CUESTIONADA E CUESTIONABLE

O último trimestre do ano estivo marcado, con todo, polo recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo de Mariano Rajoy sobre a Lei 12/2014, de Medidas Fiscais e Administrativas de Galicia, e en concreto sobre as reformas que esta introduce na Lei 3/2008, de Ordenación da Minería, que de saír adiante podería facilitar a multimillonaria reclamación económica de Edgewater.

A pesar da plena legalidade da retirada dos dereitos mineiros a Edgewater, unha sentenza favorable ás demandas do Goberno -e polo tanto da propia canadense- podería ter nefastas consecuencias no desenvolvemento do conflito, ao impugnar o estado o artigo 84, que modifica a disposición transitoria segunda da Lei 3/2008, e que é o factor que en definitiva permitiu a cancelación efectiva do proxecto mineiro.

Todo iso nun contexto favorable á empresa no que a propia mineira anunciou unha demanda internacional de arbitraxe tal como contémplase no Tratado Bilateral de Investimento entre España e Panamá, e que de saír adiante obrigaría aos contribuíntes para abonar tanto o investimento como o lucro cesante previsto pola compañía.

2016: UNHA MIRADA AO FUTURO

O ano que comeza será fundamental para a evolución deste e futuros conflitos socioambientais relacionados co sector extractivo coa celebración das Eleccións Autonómicas da X Lexislatura, pois dese novo Parlamento haberán de xurdir os cambios (ou non), que Galicia necesita para garantir o dereito á protección do patrimonio e o territorio, o medio ambiente, e a saúde da poboación.

(29.12.2015)