Saltar ao contido principal

A febre do ouro renace na Comarca de Bergantiños e a súa área de influencia

Salvemos Cabana presentará alegacións ao permiso de investigación mineira Isabela II, autorizado pola Consellería de Economía e Industria e publicado no D.O.G. do pasado 15 de xaneiro, a desenvolver sobre unha extensa superficie dos concellos coruñeses de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco.

Zona que abrangue o permiso concedido ao Grupo M-FM 2001 S.L.
A solicitude, tramitada de maneira favorable por parte da Xunta de Galicia co número 7121 do rexistro mineiro da provincia da Coruña, está centrada na procura de recursos mineiros da sección C (ouro e afíns), e levarase a cabo sobre un total de 4.368 hectáreas (156 cuadrículas mineiras) por parte do Grupo M-FM 2001, S.L., empresa con oficinas en Madrid e Marbella centrada nos servizos técnicos de prospección e estudos xeolóxicos e na solicitude e adquisición de dereitos mineiros.

A Plataforma estudará a documentación correspondente e presentará alegacións ao respecto, recomendando que todas aquelas persoas e colectivos interesados acudan a consultar o expediente en fase de información pública ata mediados de febreiro na Sección de Minas da Xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña, situada na segunda planta do Edificio Administrativo Monelos e procedan a presentar os seus respectivos escritos de obxección.

O ACTUAL EXECUTIVO DA XUNTA, FAVORABLE Á MINARÍA METÁLICA

Resulta difícil comprender como a Xunta de Galicia pode mostrarse proclive unha vez máis á minería do ouro e outros metais nas súas distintas vertentes sen valorar outro tipo de condicionantes como as afectacións ao territorio e o medio ambiente, primando a actividade extractiva fronte outros sectores produtivos básicos en Galicia como a agricultura e a gandería.

De feito, no propio Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia apóstase de maneira decidida polo renacemento da minaría metalífera e a apertura de novas explotacións, recoñecendo máis de 40 solicitudes de permisos de exploración e investigación mineira nos últimos anos en territorio galego.

Por iso, a única solución é unha reforma profunda da Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia, aprobada pola Consellería de Economía e Industria na época do Bipartito, que adoece de importantes defectos de forma e numerosas incongruencias que foron aproveitadas desde a actual administración autonómica do PP para proxectos empresariais favorables coa súa liña ideolóxica.

(23.1.2016)