Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana presenta alegacións ao permiso da Xunta para buscar ouro nas comarcas coruñesas de Soneira, Xallas e Bergantiños

O expediente aprobado pola Administración galega na concesión "Isabela II" presenta carencias significativas que a Consellería de Economía e Industria debería ter en conta antes de dar vía libre ao novo plan de investigación mineira nos concellos de Zas, Vimianzo, Santa Comba e Coristanco.

Zona afectada polo permiso de investigación mineira "Isabela II"

De entre unha ducia de factores cabe destacar que na documentación do permiso non se dan as coordenadas dos lugares onde se desenvolverán os labores nin se concreta se a empresa ten autorización para executalas, descoñecéndose igualmente o seu grao de afectación urbanística.

Ademais, no texto non se recolle como poden afectar a campaña de sondaxes ás augas subterráneas e acuíferos existentes na zona, nin se presenta ningún tipo de estudo hidroxeolóxico que descarten tales afectacións.

Na mesma liña, tampouco se fai referencia á posibilidade de verteduras tóxicas procedentes do engrase da maquinaria e outras sustancias químicas empregadas durante o proceso de perforación, sen considerar a Lei estatal 22/2011, de residuos e solos contaminados. Tampouco se establece ningunha medida preventiva nin se indica a caracterización química destes aditivos, a súa toxicidade e capacidade de difusión nin que se vai a facer cos lodos resultantes dos labores de sondaxe, que terían que derivarse obrigatoriamente a un xestor de residuos autorizado.

UN PLAN DE RESTAURACIÓN INCOMPLETO

Doutra banda, no plan de restauración proposto non se cumpren os requisitos esixidos polo Real Decreto 975/2009, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, que impón que o plan de restauración debe incluír de maneira preceptiva, a "descrición detallada da contorna prevista para desenvolver os labores mineiros".

De feito, o artigo 12 desta norma estipula que terá que incluírse unha "descrición do medio físico", que inclúa "xeoloxía, hidroloxía e hidroxeología, edafoloxía, climatoloxía, vexetación, fauna, paisaxe e demais elementos que permitan definir o medio" e tamén unha "definición do medio socioeconómico da zona" que ha de indicar "aproveitamentos preexistentes, situación xeográfica, usos do solo, demografía, emprego, infraestruturas, espazos de interese histórico, arqueolóxico e paleontolóxico e puntos de interese".

A XUNTA NON DEBERÍA APROBAR O PROXECTO NESTAS CONDICIÓNS

Tendo en conta as significativas carencias da proposta, a Consellería de Economía e Industria non debería aprobar este proxecto de investigación tan á lixeira, porque o control público e a lexislación existente sobre o particular teñen por obxecto a prevención dos posibles efectos adversos das tarefas extractivas sobre a saúde humana e o medio ambiente. Cedendo a unha iniciativa a todas luces incompleta, a Administración da Xunta semella facer gala unha vez máis de actuar de xeito permisivo cara ao sector mineiro e as súas aspiracións, non en beneficio do ben común.

(15.2.2016)