Saltar ao contido principal

Corcoesto. Unha lección a futuro para a Xunta de Galicia

Se algo se desprende do escándalo desatado esta semana tras as graves acusacións que se coñeceron a través dos medios de comunicación por parte da empresa canadense Edgewater contra o Goberno autonómico de que existiron presuntos intentos de suborno durante a tramitación do proxecto mineiro de Corcoesto, é que se impón a necesidade dun modelo industrial cuxa sensatez permita que as tarefas extractivas non poidan interferir en sectores produtivos básicos como a agricultura ou a gandería, que forman parte da propia esencia de Galicia dende tempos inmemoriais.

Zona afectada polo proxecto mineiro de Corcoesto

Non se trata de estar en contra do sector mineiro. Hai que entender que a empresa canadense Edgewater, como calquera outra, pode defender uns intereses que considera lexítimos e respectables, pero se a Xunta de Galicia actuase de maneira responsable dende o principio aforraríase moita dor e sufrimimiento na Comarca de Bergantiños.

Aínda que indigne o que está a suceder, non se pode falar de corrupción porque non sería xusto e tampouco hai probas diso, pero o que parece estar claro é que quiza as cousas non se fixeron como deberían na parte administrativa. En definitiva, custa entender como a Xunta de Galicia puido aprobar unha declaración de impacto ambiental (DIA) con algunhas carencias que a priori parecen tan significativas.

UNHA LOITA DE CATRO ANOS DE DURACIÓN

En 2012, a Plataforma Salvemos Cabana opúxose á DIA aprobada pola Consellería de Medio Ambiente por considerala inviable ambiental e socialmente. Non se tiveron en conta as fundamentadas alegacións de especialistas e colectivos, que vían a actividade extractiva como non compatible coa protección do tecido produtivo e os valores naturais a conservar.

Preocupou dende o principio a posible afectación ao motor de emprego da Costa da Morte, que son as actividades tradicionais como a agricultura, a gandería, o marisqueo e pésca pero tamén a outras actividades coma o turismo, que cada vez teñen máis puxanza na comarca.

Estaba tamén a proximidade co río Anllóns, o seu estuario e a súa área de influencia, considerado un das mellores paisaxes de Galicia e unha xoia para conservar, protexida tamén a nivel europeo (códigos LIC ES1110015 e ES1110005) e a Zona de Especial Protección para as aves Costa da Morte (Código ZEPA ES0000176).

O maior risco, con todo, era a utilización de cianuro de sodio como reactivo, pois o proxecto pretendía utilizar 546 toneladas anuais deste composto de alta toxicidade. Os peores temores víronse referendados ao descubrir que o propio Parlamento Europeo aprobara en 2010 unha resolución para a súa prohibición, na que literalmente pedía á Comisión e aos estados membros non prestar apoio "de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto na UE na que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro ata que sexa aplicable a prohibición xeral, nin se apoien proxectos desas características en terceiros países" considerando que esta sustancia química altamente tóxica "está clasificada como un dos principais contaminantes e pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente e, polo tanto, na diversidade biolóxica". Desde logo, xa non cabía lugar a dúbidas do perigo que entrañan este tipo de proxectos mineiros.

As sospeitas confirmáronse cando unha mina asturiana que foi elixida de "modelo" para mostrar as bondades da minería do ouro a un grupo de veciños e veciñas de Bergantiños, a de Belmonte de Miranda, recibiu en 2014 senllas sancións de 84.000 e 242.920 euros por parte da Confederación Hidrográfica do Cantábrico por diversas verteduras tóxicas de selenio, arsénico, cianuro, fluoruros, zinc, níquel e cobre, provocando un grave problema ambiental na conca do río Narcea.

Tendo en conta todos estes factores, sen dúbida a Administración galega tomou a decisión acertada ao cancelar o proxecto de Corcoesto pero non é comprensible como, coa problemática asociada a este tipo de proxectos puido aprobar a DIA, que facilitaba enormemente os plans da empresa. Agora, é a propia Galicia quen ten que enfrontar as consecuencias dunha actuación que se demostrou finalmente tan pouco acertada. Por iso supón, sen dúbida, unha lección que a Xunta debe ter en conta para o futuro e algo para non repetir.

( 21.4.2016)