Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana presenta alegacións á liña de evacuación eléctrica do proxecto eólico Mouriños

A asociación considera que da documentación da empresa que a Xunta de Galicia puxo en información pública despréndese que a iniciativa non avalía correctamente os posibles efectos sinérxicos e acumulativos coas infraestruturas e liña eléctrica de evacuación do proxecto Pena Forcada-Catasol II, plantexado por Gas Natural Fenosa na veciña localidade de Laxe.

Mapa das liñas de evacuación eléctrica dos proxectos de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte

Doutra banda, e dun xeito que só pode ser cualificado de sorprendente, na sección "Programa de calidade ambiental" do proxecto de execución da liña eléctrica cítanse de maneira reiterada departamentos e normativas do País Vasco no que parece máis ben tratarse dun copia-pega da documentación doutro proxecto industrial presentado en Euskadi que dunha errata accidental.
Así, entre outros apartados, en canto á protección do patrimonio cultural faise referencia ao "contacto co Dpto. de Patrimonio do Gobierno Vasco para comprobar a posible inclusión no inventario de patrimonio arqueolóxico e arquitectónico de novos achados na zona de obras", e todo cando o proxecto pretende levarse a cabo entre os concellos de Cabana de Bergantiños e Zas, en plena Costa da Morte coruñesa a máis de 600 km. de distancia.

UN PROXECTO INDUSTRIAL FRAGMENTADO

En calquera caso, na parte técnica, a iniciativa non avalía en condicións os posibles efectos sinérxicos e acumulativos en relación coas infraestruturas e a liña eléctrica de evacuación do proxecto Pena Forcada-Catasol II (situado a menos de 5 km.), nin co detalle que sería pertinente as posibles afeccións sobre os hábitats e as especies de interese comunitario presentes na zona. Sobre a imposibilidade de fragmentación de proxectos industriais véñense pronunciando dende hai anos tanto tribunais estatais como internacionais.

De feito, a non autorización do fraccionamiento de proxectos foi confirmada por sentenzas como a do 16 de setembro de 2004 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (Asunto C-227/01), que condena a España por tramitar de maneira independente diferentes tramos dun proxecto de desdobramento dunha liña de ferrocarril, establecendo que o efecto útil da lexislación aplicable quedaría gravemente comprometido polo fraccionamiento do proxecto en distintos tramos.

Por iso, a asociación considera que este feito invalida o procedemento administrativo tal como está a realizarse pola Xunta, que debería plantexarse dende cero integrando todos os proxectos presentados nun único expediente e valorando conxuntamente as afeccións socioambientais do mesmo, razón pola que solicitou a desestimación da autorización administrativa e de construción, a declaración de utlidad pública e de urxente ocupación, a declaración sectorial de incidencia supramunicipal e a emisión dunha declaración de impacto ambiental desfavorable en virtude das deficiencias no proceso de tramitación do proxecto eólico Mouriños e os seus expedientes complementarios.

(2.9.2017)