Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana critica a xestión provincial do Dolmen de Dombate

A Plataforma considera que a Deputación da Coruña e os seus responsables técnicos e políticos confunden o concepto de "posta en valor" coa masificación de visitantes, o que en nada axuda á conservación do monumento e sí a un efecto chamada que pode rematar por ocasionar nesta xoia do neolítico unha situación similar á que desgraciadamente estase a experimentar na praia das Catedrais en Ribadeo (Lugo).

A masificación de visitas repítese unha vez máis do Dolmen de Dombate

Segundo as estatísticas da instalación, soamente neste pasado mes de agosto superáronse as 12.000 visitas, o que volve poñer en risco a conservación das pinturas de época neolítica que atesoura o monumento e vulgariza notablemente a instalación ao ser "comercializada" tanto por Deputación como polo Concello de Cabana de Bergantiños como unha sorte de parque temático de lecer cando se trata dunha instalación arqueolóxica que debería ser de referencia.

En definitiva, hai que plantexarse se o interese da Deputación da Coruña e o seu responsable técnico da Sección de Arquitectura e Patrimonio, Luís Jaime Rodríguez, é utilizar o monumento como mero reclamo turístico nunha contorna carente de infraestruturas para esta finalidade ou favorecer a conservación deste Ben de Interese Cultural, algo que non resulta compatible coa actual política de masificación impulsada polo Concello popular de Cabana de Bergantiños e permitida sen complexos desde a Deputación da Coruña e o deputado provincial do BNG Xesús Soto, que ocupa o cargo político de Contratación, Patrimonio e Equipamentos do organismo provincial.

Por este motivo, resulta imposible entender como desde a Deputación pode falarse no convenio que mantén co consistorio cabanés de termos como "conservación preventiva" mentres recoñece ao mesmo tempo que un dos seus obxectivos é "que o maior número de xente posible poida achegarse ao monumento".

Neste sentido, plantexar unha carreira nas inmediacións do monumento como a que se celebrará leste o sábado 23 de setembro, e na que centenares de persoas colapsan a chaira da parroquia de Borneiro descontextualizando totalmente o carácter arqueolóxico do monumento, non parece a mellor opción nin a máis sensata para facer referencia a ningún tipo de "conservación preventiva", dado que ao cabo do tempo isto pode rematar por provocar un "efecto chamada" orixine neste singular monumento neolítico unha situación similar á que desgraciadamente se está experimentando en lugares como a Praia das Catedrais na zona costeira da Mariña lucense.

(23.9.2017)