Saltar ao contido principal

A CMAOT recoñece que coa documentación achegada por GNF / Naturgy non se poden descartar os "efectos significativos sobre o medio ambiente" da liña de evacuación eléctrica do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental descartou a avaliación ambiental simplificada do proxecto entre os concellos de Laxe, Cabana e Zas pois "para determinar as características dos potenciais impactos do proxecto precísase unha análise e valoración moito máis profunda" que non se aborda na documentación presentada pola empresa enerxética.

Zona afectada pola liña de evacuación eléctrica do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II

Por este motivo, Salvemos Cabana ven de presentar alegacións ao novo proxecto ambiental da compañía, que a Xunta puxo en exposición pública o pasado día 13 de xuño logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

FRAGMENTACIÓN DO PROXECTO

No seu escrito de obxeccións, a asociación sinalou en primeiro lugar a necesidade de someter o proxecto eólico Pena  Forcada Catasol II no seu conxunto (non só unha parte) a un novo procedemento de avaliación ambiental, dado que esta proposta industrial leva implícita non só a implantación de aeroxeradores, senón tamén a utilización dunha liña de evacuación eléctrica.

Por este motivo, pode considerarse que estamos ante unha Resolución administrativa onde non se contempla a exposición do proxecto completo co seu estudo de impacto ambiental íntegro, o que segundo a actual lexislación de procedemento administrativo común constituiría un acto nulo.

Debe terse en conta, ademais, a xurisprudencia existente ao respecto, como a sentenza 01448/2009 do Tribunal Superior de Justicia de Castilla y León sobre a instalación dun parque eólico de Endesa, que considera en relación coa Avaliación de Impacto Ambiental que “téñense que ter en conta os efectos sinérxicos e acumulativos das demáis instalacións existentes, da liña de evacuación xeral e da subestación colectora. É dicir, hai que ter en conta todos os elementos que o parque eólico precise para que funcione, así como a súa incidencia en relación cos demáis existentes”.

Hai que lembrar que a liña eléctrica de evacuación do parque eólico Pena  Forcada- Catasol II entronca coa súa  homónima do proxecto eólico  Mouriños, entre Cabana de Bergantiños e Zas, tamén impulsada por Gas Natural Fenosa / Naturgy. O feito é que con esta tramitación fragmentada de dous proxectos eólicos adxacentes e pertencentes á mesma empresa non se están avaliando os efectos reais sobre o medio natural, nin tomando en consideración os efectos do impacto conxunto de ambas instalacións nuns dos últimos tramos costeiros de Galicia sen parques eólicos. Por iso e en definitiva, o proxecto debe de ser avaliado no seu conxunto e non de maneira  fragmentada.

VALORACIÓN IMPRECISA DAS AFECCIÓNS DA INFRAESTRUTURA SOBRE OS ESPAZOS NATURAIS PROTEXIDOS

Na documentación achegada, aínda que  GNF / Naturgy “non considera a afección sobre a Rede Natura como potencialmente importante”, a empresa parece obviar a fragmentación da proposta industrial á que se fixo referencia, que evita a análise dos efectos  acumulativos e a súa interacción co proxecto eólico de  Mouriños e o seu respecta liña de evacuación eléctrica, que actualmente tamén se atopan en fase de tramitación.

Doutra banda, a alternativa exposta pola compañía atópase a pouco máis dun quilómetro da Zona Especial de Conservación ES1110005 “Costa da Morte” e a Zona de Especial Protección para as Aves ES0000176 “Costa da Morte (Norte)”, nunha zona que tamén está catalogada como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ( ZEPVN) e atópase a tan só 650 metros da zona IBA ( Important  Bird Area) “Costa da Morte”.

SÓ DOUS DÍAS PARA AVALIAR A BIODIVERSIDADE PRESENTE SOBRE O TERREO

O proxecto presentado pola promotora, aínda recoñecendo a súa posible existencia na área de influencia, non avalía de forma rigorosa as posibles afeccións do proxecto sobre diversas especies  incluídas no Libro Rojo a nivel estatal e o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) presentes na zona, nin contempla a adaptación detallada do proxecto para evitalas totalmente no caso de especies de interese comunitario e/ou en perigo de extinción. Á fin e ao cabo é a propia empresa a que recoñece que soamente se realizaron a nivel de traballo de campo “dúas xornadas para a caracterización ambiental dos trazados propostos”, o que sen dúbida imposibilita un exame detallado a nivel de avaliación de biodiversidade.

En calquera caso, a nivel de  avifauna, indícase a presenza potencial no ámbito de estudo e tal como indican os respectivos catálogos de especies ameazadas e vulnerables como  Emberiza  schoeniclus  L.subsp. lusitanica Steinbacher,  Botaurus stellaris, Charadrius alexandrinus,  Circus pygargus, ou  Phalacrocorax  aristotelis, ou a nivel vexetal de Narcissus cyclamineus,  Dryopteris guanchica,  Sphagnum  pylaesii, Spiranthes aestivalis, Scirpus triqueter, Omphalodes littoralis subsp. Gallaecica e  Rumex rupestris (estas dúas últimas non presentes na zona de afectación ao tratarse de vexetación de coñecido carácter dunar e costeiro).

Importancia destacada supón que todo o ámbito do proxecto sitúase dentro da área de distribución potencial da escribenta das canaveiras ( Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher), en perigo de extinción, e dentro da zona  incluída no seu Plan de Recuperación. Aínda que esta especie adoita elixir para a súa reprodución zonas palustres (preferiblemente carrizais) con vexetación abundante, acostuma a desprazarse a áreas abertas próximas a humidais para a súa alimentación.

De feito, é a empresa a que recoñece que aínda que dentro da zona de estudo non existe ningunha zona de carrizo que cumpra coas características para ser unha zona de reprodución, si “reúne as características idóneas para ser unha zona de alimentación” desta especie ameazada.

OS IMPACTOS ACUMULADOS FAN QUE ESTE PROXECTO SEXA AMBIENTALMENTE INASUMIBLE

O anterior, sumado a un plan de vixilancia ambiental insuficiente, os impactos negativos sobre a paisaxe, o medio ambiente e a saúde humana, así como o maioritario rexeitamento social a estes proxectos, levaron á Asociación Salvemos Cabana a pedir á Xunta que non se concedan as autorizacións administrativas solicitadas, ditando unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable, procedendo á devolución do expediente á empresa promotora.

(28.6.2018)